A Deputación colaborará coa Fundación Ramón González Ferreiro para ampliar a extensión de pastoreo da Escola Silvo-Pastoril do Rexo

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Anxo Quintana González (Ex-Vicepresidente da Xunta de Galicia).

 A Deputación de Ourense traballa na posta en disposición dos terreos da granxa Valverde para a Fundación Ramón González Ferreiro, co obxectivo de ampliar a extensión de pastoreo coa que conta actualmente o proxecto da Escola Silvo-Pastoril do Rexo, xestionado por esta entidade no concello de Allariz. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá no Pazo Provincial co presidente da Fundación Ramón González Ferreiro, Anxo Quintana, para ultimar os detalles desta nova liña de cooperación. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar valorou “unha xuntanza máis que frutífera” arredor de “ampliar o proxecto que está a desenvolver a Fundación no eido da produción de queixo e o agroalimentario, complementándoo cos terreos posuídos pola Deputación de Ourense en Requeixo”. 

O presidente da Deputación recoñeceu “o éxito e a reivindicación do rural que leva realizando durante todos estes anos en Allariz a Fundación Ramón González Ferreiro”. Unhas dinámicas de traballo coas que agora colaborará o goberno provincial, “dentro da nosa aposta polo sector primario. Isto é colaboración, cooperación e atender as demandas do tecido asociativo ourensán”. 

Pola súa banda, Anxo Quintana agradeceu en nome da Fundación Ramón González Ferreiro “á Deputación de Ourense, e nomeadamente ao seu presidente, Manuel Baltar, a disposición para colaborar e traballar conxuntamente no proxecto do Rexo, que ten como propósito o obxectivo que temos todos os ourensáns: intentar, pouco a pouco, revertir a situación de abandono do medio rural e encher de actividade superficies agrarias e gandeiras en desuso”. 

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Anxo Quintana González (Ex-Vicepresidente da Xunta de Galicia).

O presidente da Fundación Ramón González Ferreiro sinalou que para “nós, poder contar cos terreos da granxa Valverde, propiedade da Deputación, vai a ser un motivo non so de ledicia senón de responsabilidade para triplicar esforzos e buscar a colaboración institucional para que vaia a bo porto. Estou seguro de que entre todos o conseguiremos”.  

A Fundación Ramón González Ferreiro

A Fundación Ramón González Ferreiro ten máis de catro décadas de actividade, enmarcada especialmente no eido educativo e nos retos do mundo rural. Cunha estreita vinculación co Concello de Allariz, organiza cursos de formación para adultos, clases de reforzo para nenos, obradoiros, actividades de voluntariado ou campamentos. 

No tocante ao proxecto O Rexo, co que colaborará a Deputación, está enmarcado na loita contra o abandono de terras e a reivindicación do rural. A Escola Silvo-Pastoril do Rexo foi concibida no 2000 dentro dun proxecto de dinamización que partiu da limpeza de fincas e o seu acondicionamento para o establecemento dun rabaño de ovellas de raza ‘latxa’. 

Na granxa-queixería, cunha importante produción anual de queixos, realizan prácticas estudantes da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago e centros de FP. Segundo resaltan dende a propia Fundación, “a experiencia da Escola Silvopastoril ten axudado na implantación de novos modelos de xestión do territorio e tamén na recuperación de territorios rurais abandonados, algúns exemplos de éxito son Como Cabras -elaboradores do Queixo de Cabra Touza Vella-, o monte veciñal en man común de Penamá co seu rabaño de raza Limiá ou a explotación de vacas vianesas de Coedo”. 

Reivindican que, “como é un proceso dinámico, o seu persoal e instalacións sempre están prestos para colaborar na xeración, asesoramento e intercambio de experiencias con aquelas iniciativas dinamizadoras do rural galego”.