Manuel Outumuro recibe o Premio Ourensanía 2022 como “merecido agasallo a un neno dunha aldea ourensá: sufrido e soñador, sempre discreto, humilde e creativo”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

No Teatro Principal, onde se celebrou o acto de entrega da distinción, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recoñeceu a labor profesional dun “dos máximos expoñentes no mundo da imaxe, cuxa obra transcende as nosas fronteiras e acada unha ampla repercusión internacional”

Manuel Outumuro adicou o Premio Ourensanía “aos meus orixes, aos meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O xurado acordou conceder a Manuel Outumuro este galardón “por unha traxectoria de primeiro nivel a nivel nacional e internacional, sendo un dos máis grandes da fotografía actual”

Para Alfonso Rueda, Manuel Outumuro “é un expoñente dese equilibrio máxico que os galegos conseguimos entre o global e o local”

Ourense, 11 de novembro de 2022.- O fotógrafo Manuel Outumuro recibiu esta mañá o Premio Ourensanía 2022 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Todos eles acompañados por representantes dos ámbitos institucional, cultural, económico e social da provincia e do resto de Galicia, cunha importante asistencia de representantes da cultura, con referentes coma a actriz Marisa Paredes. 

Manuel Outumuro recibiu o Premio Ourensanía 2022, segundo recolle a acta do xurado, “por “por unha traxectoria profesional de primeiro nivel no ámbito nacional e internacional”. 

No seu discurso, Manuel Baltar sinalou que ninguén mellor que “Manuel Outumuro para simbolizar a esencia da Ourensanía. Un sentimento que o marcaría para sempre. Unha condición que levou consigo, desde Barcelona a Nova York, percorrendo latitudes de Europa e do planeta, atrás de imaxes que o levaran á foto ‘definitiva’. Ese seu longo e responsable proceso creativo, máxico e sorprendente, agromou na terra ourensá, retivo as paisaxes máis íntimas e os rostros das nosas xentes, honestas e traballadoras, espalladas polo mundo enteiro”. 

O presidente da Deputación gabou a evolución profesional de Outumuro, “como corresponde a un artista da súa altura e categoría. Para iso estudou e desenvolveu as técnicas, profundou no oficio, reflexionou e tratou de lograr outra expresión dotando de luz interior á figura humana, ás cousas, á urbanidade e ó caos; transitando entre a forza do realismo e a sutileza da avangarda”. 

Manuel Baltar recoñeceu a súa “inmensa satisfacción para min, como ourensán, como responsable do Goberno Provincial de Ourense e como amante e admirador da fotografía, terlle entregado o Premio Ourensanía 2022 a Manuel Outumuro, ourensán da Merca, considerado como un dos máis importantes expoñentes no mundo da imaxe, cuxa obra transcende as nosas fronteiras e acada unha ampla repercusión internacional”. 

“Manuel Outumuro nunca esqueceu as súas orixes, de aí a fondura deste recoñecemento”

Manuel Baltar recalcou no seu discurso os profundos vencellos de Outumuro coa súa terra: “O que nunca fixo -nin fará- ó longo de décadas de traballo ininterrompido foi esquecer as orixes. De aí o acerto, a emoción e a fondura deste recoñecemento. Non se trata, sabémolo ben, dun premio máis, entre os moitos e de grande prestixio que ten recibido e que seguirá acadando, como verdadeiro mestre que é. Este é un merecido agasallo a un neno dunha aldea ourensá; sufrido e soñador, sempre discreto, humilde e creativo”. 

O presidente da Deputación ponderou a influencia da Merca na traxectoria de Outumuro: “Alí foi onde naceu e onde viviu ata os dez anos. Na aldea ourensá foi onde se decatou, coma tantos outros nenos, da inmensa rachadura da emigración. Seus país estaban en Venezuela e Manuel tiña unha foto deles pendurada no cuarto; era o retrato da ausencia, o seu vínculo cos afectos… Nesa etapa é na que Outumuro comeza a desenvolver a imaxinación. Parte do marco rural como referencia e estimula a súa sensibilidade, elevando a dura realidade na que lle toca vivir, a categoría superior. Soñando e imaxinando constrúe as súas propias definicións, modela o seu talento dándolle forma ó barro, que é o corpo, e outórgalle alma á materia, xogando cos contrastes da luz”. 

Manuel Baltar sinalou que “quizais, quen mellor captou e definiu a personalidade de Manuel Outumuro foi a súa amiga, a xornalista ourensá Maribel Outeiriño. Por certo, a persoa do xurado que acertadamente o propuxo para a Ourensanía 2022, na reunión celebrada no mosteiro de Oseira. E di Maribel:

‘Os que coñecemos e amamos a Manuel Outumuro sabemos que sempre pon intelixencia no seu labor, xunto con oficio, gusto e sentimento. É perfeccionista e cálido, ordenado e creativo, procurando que ningunha desas virtudes se impoña á contraria. Por iso goza, goza con todos e cada un dos disparos da súa cámara. Así ata ó resultado final… A través de polaroids, contactos e probas de luz, revélanos o esmero e a dedicación cos que prepara as súas fotos. Os expertos quizais noten as diferenzas entre  probas e resultados definitivos. Ós afeccionados marabíllanos o seu traballo e agradecemos que, entre os seus defectos, non figure a vaidade”. 

“O mes de Ourense, dos grandes de Ourense, da nosa cultura e das nosas artes, das nosas empresas”

“En novembro, no mes de Ourense”, sinalou Manuel Baltar, referendou “os ecos neste Teatro da Ourensanía e da súa historia. Dos grandes de Ourense. Dos xa mencionados como gañadores desta distinción que hoxe entregamos a Manuel Outumuro. Dos grandes de Ourense, da nosa cultura e doas nosas artes. Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Celso Emilio Ferreiro, José  Ángel Valente, Filomena Dato, Pura e Dora Vázquez, Marcos Valcárcel.. Xaime Quessada, Alexandro, Prego, Buciños, Acisclo, Xosé Cid… o Ourense da empresa, Barreiros, Domínguez, Franqueira, Outeiriño… en definitiva o Ourense do éxito e do emprendemento. O Ourense Universal”. 

Profundou o presidente provincial no concepto de Ourensanía antes de referirse á figura de Ildefonso Graña: “Na xuntanza do xurado de Oseira, decidimos declarar este ano de 2022, saíndo ao rescate de determinadas figuras senlleiras da Ourensanía que xa non están con nós e que son merecentes de seren devoltos á actualidade por mor do legado social ou cultural que nos deixaron. o Premio Ourensanía de Honra de 2022 á Ildefonso Graña”. 

Outumuro: “Adico o Premio Ourensanía aos meus orixes, aos meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto”

No seu discurso de agradecemento, Manuel Outumuro comezou amosando a súa emoción e dando paso á proxección dunha serie de fotografías da súa autoría -“son un home máis de imaxe que de palabra”- para despois retrotaerse ás orixes: “As fotografías que acabamos de ver teñen glamur, pero eu veño de pisar esterco, merda de vaca. Todo o que vivín ata os dez anos na Merca condicionou a miña forma de mirar. Os meus pais foron ata os dez anos unha fotografía. Crecín con esa ausencia, símbolo da emigración. A cambio contei co amor dos meus avós”. 

“A miña infancia na Merca foi a época máis feliz da miña vida. Crecín facendo figuras no barro. Descubrín na fonte á que levaba ás vacas a beber reflexos de diamante. Foi unha infancia chea de emocións, que te fai crecer cos pes na terra. Estamos feitos de dous elementos: barro e luz. Os fotógrafos infundimos luz, pero a mellor calidade dun fotógrafo é que esa luz non tape a propia do fotografado. É unha cuestión de respeto”. 

Manuel Outumuro adicou o Premio Ourensanía “aos meus orixes, os meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto’. Aos meus profesores, que me ensinaron os segredos do barro. Aos meus amigos e ao meu compañeiro, que día a día axúdanme a entender os segredos da luz. E a miña amiga Maribel Outeiriño, indispensable na recuperación ao afecto a esta terra despois do baleiro da emigración. Grazas a todos”.

O homenaxeado rematou a súa intervención dando paso a unha proxección de tres vídeos arredor de conceptos como a nostalxia, a ausencia, a emigración e o traballo diario. “Porque esto sigue, continuará”, destacou para avanzar a exposición proxectada para o 2023 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e na que as “miñas fotografías dialogarán con imaxes que falan do neno que sigue pisando terra e fascinado pola luz que a envolve”. 

Alfonso Rueda: “A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar”

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou o Premio Ourensanía como unha mostra da Galicia orgullosa que combina o arraigo coa apertura ao mundo global: “A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar”, recalcou despois de citar o “Manifesto da Ourensanía”, de Luis González Tosar. 

Na súa intervención no acto de entrega do galardón, Alfonso Rueda indicou que se a Ourensanía “é un xeito propio de ser galego”, a galeguidade “é un xeito propio de ser español e europeo”, e puxo como exemplo o percorrido vital de moitos ourensáns que emigraron ou fixeron carreira fóra da súa terra sen perder nunca “o orgullo” polas súas raíces: “O Xacobeo, por exemplo, traduce ese orgullo galego nunha efeméride compartida con peregrinos de todo o mundo”.

Para Alfonso Rueda, Manuel Outumuro “é un expoñente dese equilibrio máxico que os galegos conseguimos entre o global e o local”.

Presenza musical de Carlos Núñez, a Real Banda de Gaitas e a Coral de Ruada

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2022 principiou cunha recepción oficial no Pazo Provincial, ao que seguiu o tradicional percorrido a pe do premiado e os presidentes provincial, autonómico e do Parlamento galego ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. O galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. A gala incluíu a proxección de vídeos sobre a traxectoria persoal e profesional do premiado e de Ourense e os seus recursos e proxectos dinamizadores como o do Gran Hotel Balneario Auria. 

No apartado musical, Carlos Núñez pezas baseadas nas cantigas de Alfonso X O Sabio xunto a temas coma “Alborada da Veiga” ou a “Muiñeira de Chantada” como proba, recalcou, da “modernidade na que sempre soubo situarse Galicia”. Para rematar a gala, chegou a interpretación a cargo da Coral de Ruada de “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, himno oficial da provincia de Ourense.

O xurado sitúa a Outumuro como “exemplo de traballo ben feito e prestixio, cunha longa traxectoria con orgullo de ser Ourense”

O Premio Ourensanía, que concede a Deputación de Ourense, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Na súa edición 2022, o xurado decidiu por unanimidade conceder esta distinción a Manuel Outumuro por “unha traxectoria de primeiro nivel a nivel nacional e internacional, sendo un dos máis grandes da fotografía actual. Outumuro é exemplo de traballo ben feito e prestixio, cunha longa traxectoria e con orgullo de ser Ourense”. 

“Na súa longa traxectoria”, recalca o xurado, “Outumuro ten acadado premios tan prestixiosos como o Lucie Awards. Para este xurado é un verdadeiro orgullo xunguir o seu nome á longa lista de premiados da Ourensanía, dentro da aposta polo territorio, un territorio con ambiciosos retos para o futuro aos que o homenaxeado, sen dúbida, contribúe e contribuirá a levalos a cabo”. 

O xurado, baixo a presidencia de Manuel Baltar, estivo composto por Patricia Torres, Maribel Outeiriño, Miguel Anxo Fernández, Luis González Tosar e Eva Torres, actuando Aurelio Gómez Villar como secretario. Jesús de Juana, Manuel Guede e Juan Luis Saco non puideron asistir por motivos persoais, delegando o seu voto no presidente.

O xurado tamén acordou conceder o Premio Ourensanía de Honra de 2022 á Ildefonso Graña (1878-1934), “por unha historia vital que nos recorda a capacidade de traballo e superación dos emigrantes ourensáns, un rasgo fundamental da nosa historia”. 

Figura referencial na cultura contemporánea española

Manuel Outumuro Conde (A Merca, 1949) é un dos fotógrafos españois máis importantes das últimas catro décadas. Formado como deseñador gráfico na Escuela Massana, foi director de arte, deseñador gráfico ou ilustrador antes de comezar en 1990 a súa traxectoria como fotógrafo profesional. Debullar na biografía dun home autodefinido como “artesán que realiza fotografías por encargo” é observar a evolución da cultura visual española, especialmente a moda e o cine. Especializado nos retratos, polo obxectivo de Outumuro teñen pasando centos de emblemas da contemporaneidade -directores, actores, modelos, escritores, deportistas…- para traballos en xornais, revistas de moda, publicacións de referencia nacionais e internacionais.

Os numerosísimos libros e exposicións retrospectivas da súa obra -con algunha mostra tan emblemática coma ‘Outumuro looks’, que chegou a ser exposta en cidades como Moscova, ou ‘Outumuro BCN retrats’ – axudan a entender a pegada de Manuel Outumuro no deseño estético e o retrato da España contemporánea, a través dun estilo singular e natural, influído polos clásicos da fotografía e da pintura e no que a luz xoga un papel predominante.

Un frutífero camiño profesional no que, en paralelo, avanzou nos seus fondos vencellos coa súa terra. Ourensán afincando en Barcelona dende rapaz, fillo de emigrantes, pegado a súa familia e as súas raíces, Ourense está moi presente na vida dun home que ten no seu currículum premios nacionais e internacionais e proxectos que xustifican unha carreira, como documentar os traxes do Museo Balenciaga -un traballo recollido en ‘Mirar y pensar Balenciaga’-, ademais de participar en exposicións colectivas por todo o mundo -dende a historia da moda feita en Galicia a homenaxear ‘Last year at Marienbad’ de Alain Resnais- ou ser o comisario de mostras como “Genio y figura, la influencia de la cultura española en la moda”.