Espazo Común pide explicacións pola invasión dun solar privado e outro municipal por un familiar do alcalde

A formación de Espazo Común do Carballiño facía público esta mañá un comunicado no que pedían que o alcalde, Francisco Fumega, dese explicacións sobre un caso que actualmente está no xulgado. Presuntamente, un familiar cercano ó alcalde mercou un solar preto do IES nº1 e á hora de facer o peche, ocuparon parte doutro solar privado e dun solar municipal. O comunicado emitido pola formación é o seguinte:

“Só de absoluto escándalo se pode calificar o que está acontecendo dentro do Concello do Carballiño con respecto á invasión dun solar municipal por parte de familiares directos do alcalde.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende Espazo Común hai xa máis dun ano que comezamos a preguntar por esta cuestión nas sesións plenarias. Sempre fomos recibindo respostas de escapista e ningunha concreta e sempre tentamos tratar o asunto con prudencia e agardando que se nos explicara dun xeito ou doutro o que estaba a acontecer e que se estaba a facer para defender unha propiedade da veciñanza.

A situación é que, preto do IES nº1, foi mercado un solar por xente moi cercana a Fumega e no momento no que decidiron facer un peche, fixerono collendo tamén parte do solar colindante duns particulares e parte dun solar tamén colindante propiedade do Concello.

As denuncias no ente municipal destes particulares afectados foron ignoradas a pesares de existir un primeiro informe do arquitecto municipal que confirmaba as súas queixas.

Tanto é así que tiveron que recurrir á Valedora do Pobo para que o alcalde lles autorizara acceso ao expediente con tódolos documentos.

Tal foi a actitude ante un problema de tal gravidade que, descoñecemos con que intención, ata se deixou caducar o primeiro expediente de denuncia sen resolución nos prazos legais e só a insistencia dos particulares obrigou a que este fose aberto de novo.

Namentres, os intereses cidadáns, claramente perxudicados de confirmarse o aseverado polos técnicos municipais, non foron defendidos por ninguén, xa que o alcalde chegou ata o punto de ignorar unha solicitude xudicial para que o Concello se personase para defender o seu patrimonio.

Este feito quedou en evidencia cando no pleno de outubro, dende Espazo Común, preguntamos por esta notificación que foi negada polo alcalde cando temos a data exacta e incluso o nome da persoa que recolleu o certificado.

Resulta moi grave e altamente sospeitoso que se minta nin máis nin menos ca nun pleno nun asunto tan delicado e no que as implicacións familiares de Fumega indican que se debería optar xustamente por todo o contrario: máxima transparencia e imparcialidade.

Demandamos que, canto antes, se proceda a ofrecer publicamente tódalas explicacións imprescindibles para disipar as sospeitas sobre a deixadez de funcións que se percibe e que perxudica os intereses de toda a cidadanía en beneficio directo dos da familia do alcalde”.