Nace o Reino no mapa, unha cartografía do Reino Medieval de Galiza

O Reino no mapa (reino.gal) é un proxecto creado por Mazarelos para divulgar o Reino Medieval de Galiza. 

Presenta unha serie de mapas que utilizan como nexo de unión o espazo ocupado polo Reino. O obxectivo desta proposta parte de novas olladas que teñan en conta aos subalternos, a perspectiva de xénero e que expliquen o espazo do Reino de Galiza no mundo ou, o que é o mesmo, poñer o Reino no mapa

AVANTAR ACTIVIDADES

A proposta conta con 8 mapas de nova elaboración que amosan de xeito gráfico diferentes aspectos da organización política, social e cultural no Reino Medieval de Galiza e o seu encadramento na Europa da época. Para a selección das temáticas formouse un comité de asesoramento composto por investigadores e investigadoras do eido da Historia, Historia da Arte, Arqueoloxía e Xornalismo. 

Os temas escollidos finalmente para abordar o Reino dende unha perspectiva máis ampla foron: o parroquial suevo, o encastelamento do Reino, o monacato no Reino, as mulleres na lírica medieval, o Reino no comercio marítimo europeo, nobres galegas en desprazamento, produción e comercio do viño, e por último as 7 provincias galegas. 

Acompañando cada mapa hai un vídeo no que investigadoras introducen os contidos, xunto cun pequeno texto co fin de ubicar os diversos materiais. Nomes e voces expertas como José Miguel Andrade Cernadas, Diana Pelaz Flores, Miguel García-Fernández, Laura Rodríguez Rodríguez, José Carlos Sanchez Pardo e Lucas Sánchez Taboada foron as encargadas de contextualizar estas cuestións. Ademais, na web do proxecto recóllese unha escolma de materiais cartográficos medievais nos que aparecen referencias á Galiza da época.

Todos estes mapas quedan dispoñibles para a súa libre utilización ao público co obxectivo de encher os centros de ensino, fogares e redes de materais rigorosos do Reino Medieval de Galiza. Este proxecto foi un dos seleccionados e financiados ao abeiro do Fondo de proxectos do Reino de Galicia 2021/2022 da área de Cultura da Deputación da Coruña.