O Psdeg Psoe de Ourense pide unha reunion do consello municipal de deportes

 O PSdeG-PSOE de Ourense reclama unha reunión urxente e extraordinaria do Consello Municipal de Deportes (CMD) para aclarar as numerosas dúbidas sobre a grave situación do Club Ourense Baloncesto SAD dende a entrada do grupo Hereda como máximo accionista.

Así o anuncian logo de participar este xoves na reunión ordinaria do CMD, na que os socialistas esixiron unha xuntanza con todas as partes implicadas na xestión do club para esclarecer as dúbidas que levan manifestado en reiteradas ocasións ao longo dos últimos meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Sempre co máximo respecto ao club, pedimos máxima transparencia e que se nos aclaren todas as dúbidas a respecto das preocupantes circunstancias que rodean o COB dende a chegada do grupo Hereda e nomeadamente do seu CEO, Pedro Fernández, como máximo accionista”, sinalan dende o grupo socialista, ao tempo que anuncian que tamén solicitarán información ao respecto na Deputación provincial, a través dos seus representantes na Comisión de Deportes.

“A situación actual do club é moi escurantista e preocupante, non só para nós senón para centos de seareiros na cidade que xa están a expresar o seu malestar por diversos medios”, aseguran. “Levamos tempo pedindo que se nos achegue información ao respecto, por iso agora pedimos esta reunión urxente, para que o Concello, como un dos principais accionistas, aclare dunha vez cal é a situación económica actual do COB”.

“Expresamos o noso máximo apoio e respecto ao club e por iso esiximos claridade sobre a súa situación financieira, posto que entendemos que pode redundar en prexuízo do equipo, un dos máis emblemáticos e representativos conxuntos do deporte na cidade”, inciden.