Asoporcel recibe o Premio Agader ao Desenvolvemento Rural polo seu papel na recuperación e posta en valor da terra agraria

Este mediodía tivo lugar no Pazo de Almuzara (Ourense) a entrega dos Premios ao Desenvolvemento Rural, concedidos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia, a proxectos e actuacións que contribúan de forma singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade máis dinámica e cohesionada.
Nesta décimo terceira edición dos galardóns, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) resultou premiada na categoría de recuperación e posta en valor da terra agraria, na cal se valoran especialmente iniciativas que contribúan, de maneira directa ou indirecta, a recuperar terras que están infrautilizadas.
José Barreira, presidente de Asoporcel, recibiu o galardón do conselleiro do Medio Rural, José González. Na súa intervención, Barreira sinalou que a candidatura da asociación a estes premios fíxose “co convencemento de ser nobres representantes da loita contra o abandono das terras e da súa revalorización”, á vez que destacou que para eles o Agader é “un recoñecemento moi desexado e moi valorado polo significado que ten para o labor que desenvolvemos no rural; para todos os gandeiros que nos comprometemos coa recuperación e conservación do Porco Celta non existe mellor tradución que esta de a nosa traxectoria nos últimos anos”, asegurou.

UN NOVO IMPULSO PARA SEGUIR TRABALLANDO
O Agader súmase ao VII Premio Galicia Alimentación e ao II Premio Lugo Cambia, que recibiron o pasado ano, así como ao Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, que lles foi concedido en 2020. Desde Asoporcel afirman estar “moi ilusionados” e “con máis ganas de traballar que nunca” grazas a esta serie de recoñecementos.
Tales galardóns non fan senón reafirmar o valor do traballo de todos os gandeiros que integran a asociación: “Levamos máis de dúas décadas traballando pola recuperación da raza autóctona Porco Celta e, sen dúbida, os últimos anos foron especialmente importantes para nós en canto a visibilidade e impulso ao coñecemento desta raza e do noso labor. Non hai mellor premio que ese”, agradeceron.

AVANTAR ACTIVIDADES