Espazo Común pide que o concello solucione os problemas derivados da rotura da tubaxe na rúa Calvo Sotelo

A formación de Espazo Común presenta unha moción para o vindeiro pleno na que piden que o concello poña unha solución canto antes ós problemas que seguen sufrindo os veciños dende que no pasado mes de maio se producise unha rotura na tubaxe do abastecemento de augas na rúa Calvo Sotelo. A xustificación a esta petición pódena ler completa a continuación, onde poden ver o seu comunicado completo:

“O pasado día 2 de maio do presente ano, O Carballiño amenceu coa nova dunha brutal rotura da tubaxe da traida xeral de auga na rúa Calvo Sotelo, xusto diante da Biblioteca Municipal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os perxudicados inmediatos foron moitos veciños da zona do Parque Municipal e das parroquias de Mesego, Sagra, Banga e Cabanelas, que espertaron co subministro de auga cortado.

Tamén foi evidente dende o primeiro intre o grave perxuízo material dos edificios máis próximos, con garaxes anegados, vehículos moi afectados e diversos danos que segundo declaracións feitas no mesmo día, quedaban pendentes de evaluar unha vez reparada a avaría.

Ata aquí, un accidente, previsible tendo en conta a antigüidade da rede subterránea da nosa vila e as inexistentes melloras levadas a cabo nos últimos anos, pero un accidente á fin.

O que xa non é tan comprensible é a situación que están a vivir os veciños do número 44 da devandita rúa, os máis afectados por estar xusto enfrente da principal vía de auga.

Tiveron que ver como se lles anegaban as dúas prantas de garaxe. Unha por completo e a outra ata máis da metade, alcanzando a auga unha altura de máis de 6 metros e causando importantes deperfectos.

Pero o peor aínda estaba por descubrirse ao retirar a auga. A gran cantidade de terra arrastrada provocou graves danos no sistema de calefacción, estragando o depósito de combustible e a caldeira; umha avaría no elevador que xa non descende aos garaxes; danos na instalación eléctrica e por suposto vehículos absolutamente inservibles despois de estar completamente baixo a auga durante horas.

Resulta imperdoable que a día de hoxe estes veciños teñan que estar dando voltas aínda para ver quen lles vai a resolver o problema e é que case en decembro, están sen calefacción e co resto de problemas ocasionados sen resolver.

Sendo a rotura nunha infraestrutura sen dúbida municipal concesionada a unha empresa privada, deberían ser o Concello e Viaqua quenes discutiran quen se fai cargo das reparacións unha vez feitas pero en ningún caso pasarse a pelota duns a outras e marear a uns cidadáns que só son culpables de ter a mala sorte de padecer a pésima xestión da auga que se ven facendo dende hai anos no Carballiño.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño acometa as reparacións necesarias para devolver a normalidade ao número 44 da rúa Calvo Sotelo e que despois pelexe con Viaqua ou con quen considere quen o responsable da avaría”.