Expourense presentou hoxe Sportur Galicia, que terá lugar o 24 e 25 de novembro

O V Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase os días 24 e 25 de novembro contando coa presenza de 50 expositores e ofrecendo un programa con máis de 70 actividades entre exhibicións e adestramentos

21 relatores analizarán o potencial turístico do deporte no III Congreso Internacional de Turismo Deportivo, cita que reunirá a 500 inscritos entre presenciais e virtuais

AVANTAR ACTIVIDADES

Expourense celebra os días 24 e 25 de novembro unha dobre vencellada co turismo activo e deportivo que analizará o papel do deporte como motivación turística que ademais contribúe á desestacionalización e achega visitantes de proximidade. Por un lado celebrarase a quinta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, e polo outro celebrarase o III Congreso Internacional de Turismo Deportivo. Estas dúas citas complementarias promocionarán a Galicia como un destino atractivo e competitivo para o turismo deportivo e convocarán a profesionais de toda a Península.

Estes dous eventos foron presentados esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o director deportivo de Expourense, Mario González.

III Congreso Internacional de Turismo Deportivo

O III Congreso Internacional de Turismo Deportivo contará coa participación de 21 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.

Neste congreso analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar posibles vías de crecemento neste sector económico e de emprego tan significativo como é o do turismo vinculado ao deporte, despois do grande impacto que tivo a pandemia no sector. Cómpre lembrar que o sector deportivo xera na actualidade en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de mil seiscentos millóns de euros (1.600 M €).

Tendo en conta que o turismo deportivo adoita practicarse en paraxes naturais, este congreso abordará o seu impacto nos Xeoparques Mundiais da UNESCO expoñendo o exemplo do Xeoparque Cultural do Maestrazgo, ubicado na provincia de Teruel, ou o do Parc Olímpic del Segre, na de Lleida. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia tamén se falará da práctica deportiva en contornas naturais protexidas. Tamén se analizará o marco xurídico (réxime normativo e responsabilidades) das actividades deportivas no medio natural. Vencellado con esto tamén se abordará a sustentebilidade nos Camiños a Santiago.

Outros dos temas a abordar serán os Fondos Next Generation en turismo deportivo e os Plans de sustentabilidade turística en destino, a Innovación en Turismo Deportivo, ou das actividades de turismo activo como elemento tractor de turismo dun destino presentando os casos de éxito do Pena Park Aventura de Ribeira da Pena Portugal ou da Tirolina das Minas da Pontenova (Lugo). Tamén se presentará o impacto económico dos Campionatos de España de Atletismo, a cargo do Director de Competición da Real Federación Española de Atletismo, Luis Saladie, e da organización de eventos en recintos feirais como Expourense ou o IFEVI.

Este congreso analizará ademais algúns deportes concretos e a súa influencia no turismo como o golf, o cicloturismo, ou o surf. Sobre este último, presentarase o caso práctico do “Surf Life Saving Australia” e analizará se é un modelo exportable a Europa. Como caso de éxito galego presentarase a proba ciclista “O Gran Camiño”.

A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición a través da web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo. Neste momento, supéranse xa os 500 inscritos nas dúas modalidades contando con asistentes de distintos países de América

Latina, ademais de toda España e Portugal. As prazas para seguilo de xeito presencial están esgotadas polo que só está disponible agora a incrición en liña. Destaca tamén a participación de varios centros de Formación Profesional de Galicia con ciclos vencellados ao Deporte que desprazarán aos seus alumnos ata Expourense para seguir o congreso ou que o seguirán en liña dende as súas aulas durante as horas lectivas.

SPORTUR GALICIA

Sportur Galicia, V Salón do Deporte e Turismo Activo convoca a medio cento de participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos de turismo  activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer as opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que máis da metade dos expositores son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes.

Sportur Galicia 2022 volverá ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa con máis de 70 actividades.

As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: ciclismo; escalada en rocódromo; atletismo; ximnasia rítmica; voleibol adaptado; taic-hi: wushu; deportes náuticos (piragüismo, remo e canoa); pitch and putt; esgrima antiga; xadrez; bádminton; hockey; etc. Destacan ademais as actividades do programa o Torneo Intercentros “Xogando Atletismo” organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración de Expourense e dos profesores e alumnos do CIFP A Farixa e que

convocarán a centos de estudantes de Primaria e Secundaria de varios centros educativos. Pola súa parte, RunManiak organizará adestramentos técnicos de distintas carreiras nos que participará o atleta ourensán Alex Fernández, gañador de 6 edicións da da Carreira de San Martiño.

Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense. Conta ademais co apoio de Aqualia e do Concello de Ourense a través do seu Consello Municipal de Deportes e de Turismo.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os dous días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.