Ribeiro en Común reclama que se reforce o servizo de pediatría en Ribadavia.

Ribeiro en Común leva ao Pleno unha Moción pedíndolle ao SERGAS que reforce o servizo sanitario ampliando a xornada con dúas pediatras de luns a venres, e se volva a cubrir as vacacións, días libres e baixas das profesionais.

Ribadavia a 22 de novembro 2022.

AVANTAR ACTIVIDADES

O actual servizo dispón de unha médica pediatra a tempo completo, de luns a venres, e unha médica pediatra que compaxina o centro de saúde de Ribadavia, no que está tres días, con outro centro. Polas tardes, e sábados, domingos e festivos Ribadavia e o Ribeiro non teñen servizo de pediatría.

Temos un bo servizo con magnificas profesionais que se ven obrigadas a atender diariamente a un número de nenos e nenas maior do que o propio SERGAS e a propia norma establecen. Isto provoca en moitas ocasións a saturación do servizo.

Por riba, no servizo de pediatría, igual que nos demais servizos médicos do noso ambulatorio, non se cobren as baixas de médicos, nin as súas vacacións e días libre. O que ocasiona, non poucas veces, a acumulación de pacientes e a sobre carga nas nosas profesionais, redundando nun menoscabo dos dereitos laborais básicos e no empeoramento do servizo.

– O servizo de pediatría de Ribadavia non se presta unicamente á poboación do noso municipio, senón que todos os concellos da comarca están sen pediatra, o que supón na área de traballo do servizo unha carga de traballo que supera os límites municipais. Polo que os nenos e nenas que atenden non son só do noso municipio senón de todos os concellos da comarca do Ribeiro.

A situación do servizo de Pediatría en Ribadavia debe ser reforzado coa contratación de máis pediatras.

– Consideramos que as Ratios establecidas para toda Galicia polo SERGAS son excesivas e provocan unha demora na citación dos nosos nenos e nenas, e unha saturación, en moitos casos, do servizo de pediatría dos centros de saúde.

As situacións de saturación son variables en función das épocas e dos municipios, e no noso caso é moito maior respecto a outros centros de saúde, por exemplo da cidade de Ourense.

– Consideramos que en Ribadavia/ O Ribeiro debera existir como mínimo dúas pediatras a tempo completo, tendo en conta ademais que non existe Servizo de pediatría nas fin de semanas, sábados e domingos, e festivos.

Estamos a falar da atención sanitaria aos membros máis pequenos e máis queridos de todas as familias, o que debera supoñer unha atención prioritaria por parte das Administracións titulares.

Con toda seguridade esta realidade é común a moitas vilas e comarcas en toda Galicia, pero non por iso se pode xustificar nin amparar, e mais cando a responsabilidade dos grupos municipais de Ribadavia e do Pleno municipal debe ser defender os intereses xerais dos nosos veciños e veciñas.

Por todo o anterior, Ribeiro en Común leva ao Pleno a Moción na que reclama:

QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA SOLICITE QUE O SERGAS REFORCE O SERVIZO DE PEDIATRÍA COA CONTRATACIÓN DE MÁIS PEDIATRAS.

– Establecer un servizo coas dúas pediatras a tempo completo.

– Cubrir vacacións, baixas e días libres de todos os médicos do Centro de Saúde de Ribadavia.

– Estudar a posibilidade de implementar un servizo de urxencias pediátricas no PAC de RIBADAVIA- O RIBEIRO, incluíndo as fin de semana e festivos.

Pedimos que se traslade este acordo á xerencia do SERGAS de Ourense e aos Servizos Centrais do SERGAS e da XUNTA en Compostela.