Comezou este mércores a escavación da fosa de Celanova onde foron soterrados os 7 asturianos fusilados no cemiterio en setembro de 1939

IES CHAMOSO LAMAS

O 22 de setembro de 1939 sete homes que foran capturados polas tropas franquistas dous anos antes trala caída de Xixón, e sofreran presidio en Camposancos e na prisión central de Celanova: Abelardo Suárez del Busto, 28 anos; Alfonso Moreno Gayol, 26 anos; Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos; Belarmino Álvarez García, 29 anos; Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos; Marcelino Fernández García, 21 anos, e Mariano Blanco González, 36 anos, foron fusilados no cemiterio parroquial de Celanova e soterrados alí, nun lugar que permaneceu ignorado até que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixo públicas as actas dos consellos de guerra nos que foron condenados a morte por un tribunal franquista.

Mañá mércores, 23 de novembro, 83 anos, 2 meses e 1 día despois daquela data, o equipo de SÍNCRISIS da Universidade de Santiago de Compostela, encargado en Galiza da localización, exhumación e identificación de vítimas no marco do Plan estatal 2021-2024 de Memoria Democrática, iniciará os traballos de escavación no cemiterio parroquial de Celanova.

SPORTUR GALICIA 2022

Estes traballos comezarán en paralelo aos emprendidos polo equipo nas fosas da Capela (Lugo) e Lousame (A Coruña) e estarán coordinados polo catedrático de historia da USC Lourenzo Fernández Prieto, e polo profesor José Carlos Sánchez (este na parte arqueolóxica). Deste grupo fan parte o antropólogo forense Fernando Serrulla e o xenetista Ánxel Carracedo.

Fernando Serrulla xa visitou este ano en Xixón ás dúas familias de dúas das vítimas para tomar mostrar de ADN. O propio Serrulla participou o pasado mes de xuño nunha xornada de homenaxe a estas familias na que estiveron presentes Josefa, filla de Marcelino Fernández, e as netas de Abelardo Suárez. A empresa que levará a cabo os traballos de escavación é Tiempos Arqueólogos.

Nesta primeira semana de intervención, a previsión do equipo de arqueoloxía é acondicionar o espazo e seleccionar os lugares onde se realizarán as sondaxes iniciais.