O BNG denuncia a rotura dunha árbore na rúa do Paseo consecuencia do tránsito continuo de camións de gran tonelaxe por unha rúa, en teoría, “peonil”

 Na tarde de onte un camión de gran tonelaxe tronzaba unha das árbores da rúa do Paseo, feito que non é illado pero que revela, segundo o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense a pouca sensibilidade do actual Goberno Local para co noso patrimonio arbóreo.

Tal e como denuncia a concelleira nacionalista Rhut Reza, “resulta contraditorio que por unha banda o alcalde afirme que é preciso prantar 10.000 árbores na cidade e por outro destroce e aniquile continuamente a xa de por sí escasa masa arbórea existente”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo Reza, “a rúa do Paseo é unha rúa concibida para precisamente eso, o paseo e o lecer mais nas últimas xornadas e como consecuencia do capricho persoal do alcalde resulta intransitable por mor da instalación duns arcos excesivos para o tipo de rúa, ao noso entender, que fai que estea chea de camións de gran tonelaxe de xeito permanente”.

Rhut Reza tamén cuestiona a pouca sensibilidade e o nulo interese do Goberno Local polo patrimonio en xeral e polo arbóreo en particular, “manteñen durante días as estruturas apoiadas nas árbores, algunhas delas sen capacidade de aguante suficiente ao tempo que suxeitan as estruturas en fachadas e balcóns sen ningún tipo de control”.

Desde o BNG denuncian igualmente que para a instalación dunha árbore luminosa de gran tamaño “vaise tapar a fonte de Bispo Cesáreo, unha auténtica barbaridade”. Para os nacionalistas “nin hai planificación nin control algún, todo vai a golpe de ocorrencia do alcalde e consecuencia diso temos o caos instalado por todo o concello”.

Por último, os nacionalistas afirman que veñen de solicitar acceso aos informes de Policía Local, Bombeiros e do departamento de Medio Ambiente para cerciorarse de que as instalacións da rúa do Paseo cumpren con todos os requisitos e protocolos de seguridade e instalación necesarios xa que advirten, “non é a primeira vez que se vulneran todos os procedementos administrativos precisos”·