Carmen Rodríguez Dacosta esíxelle á conselleira de Emprego que cumpra coa normativa estatal e comunitaria e artelle unha política de adquisición de competencias clave
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu hoxe que en Galicia unha de cada catro persoas paradas non pode acceder á formación para o emprego, mentres a Xunta deixou sen gastar 1.775 millóns de euros en políticas de emprego dende a chegada do PP no ano 2009. Dacosta presentou unha interpelación á conselleira de emprego para reclamarlle unha política de adquisición de competencias clave.
Advertiu de que, segundo a EPA, o 27,9 por cento das persoas entre 16 e 64 anos carecen dunha formación equivalente á segunda etapa de educación secundaria, entre elas 40.818 en paro e 36.700 precarias. Esta situación, alertou, supón o incumprimento dunha recomendación europea aprobada en 2006 e sobre a propia Lei de Inclusión Social de Galicia aprobada en novembro de 2013, ademais de tódalas iniciativas parlamentarias aprobadas nesta etapa.
E todo isto, dixo, mentres o goberno galego deixa partidas millonarias en materia de emprego sen executar, que ascenderon a 225,9 millóns de euros dos 730,1 dispoñibles só no ano 2021. Esta contía, explicou, deriva da suma dos 81,3 millóns de euros de formación para o emprego, os 63,8 millóns de formación profesional para desempregados e os 17,5 millóns de mellora da cualificación no emprego que quedaron sen executar.
Rodríguez Dacosta apuntou que en definitiva a Xunta “non foi quen de artellar unha política de adquisición de competencias clave tampouco o ano pasado”. No exercicio de 2021 deixaron sen gastar o 36,2 por cento do total do crédito vixente destinado a políticas de emprego e o 62,2 por cento do crédito destinado á formación.
A responsable socialista concluíu que a estratexia da Xunta para o desenvolvemento e actualización das competencias clave nos adultos entre 16 e 64 anos ten fracasado, provocando que o peso da remuneración dos asalariados sobre as rendas en Galicia sexa tres puntos inferior á media do Estado. Dende o ano 2009, dixo, estar caeron dun 52,2 a un 48,7 por cento, malia que foron amortiguadas pola suba do SMI co goberno de Pedro Sánchez.