O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia que a instalación das luces de nadal de Jácome ameaza o patrimonio arbóreo da cidade e acurrala unha fonte barroca do s.XIX

As e os socialistas lamentan que o alcalde “confunda a rúa do Paseo coa rúa Larios de Málaga” colocando unha decoración máis propia das feiras andaluzas ca do Nadal ourensán

“O alcalde retirou os mupis argumentando que estorbaban, mais non ten ningún tipo de pudor en instalar uns enormes mamotretos na rúa peonil máis transitada de Ourense”, lembra a concelleira Ageitos

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 23 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que a instalación das luces de Nadal de Jácome pon en perigo o patrimonio arbóreo da rúa do Paseo e acurrala a fermosa fonte barroca de Oseira, localizada na Alameda e que data do s. XIX.

“Onte tivemos coñecemento de que unha das árbores da rúa do Paseo tivo que ser talada por danos derivados do paso de vehículos de gran tonelaxe que non deberían ter cabida nunha vía peonil, e neste mesmo sentido tamén nos preocupa que as pesadas estruturas lumínicas repousen sobre os troncos das árbores posto que poden tronzalos”, sinala a concelleira Juana Ageitos, ao tempo que advirte dos “posibles danos” que pode causar a montaxe da árbore de Nadal sobre a emblemática fonte de Oseira se non se protexe axeitadamente.

“Solicitamos coñecer o plan de seguridade do Concello para a colocación de tales macroestruturas na rúa peonil do Paseo, e tamén nos gustaría saber que ten que dicir a Xunta sobre a montaxe dunha árbore de Nadal de semellante calibre sobre unha fonte decimonónica: como é posible que Patrimonio consinta tal aberración?”, inquiren os socialistas do Concello.

Dende o grupo socialista reproban tamén as “constantes contradicións” do alcalde Jácome, quen “hai só escasos meses dixo que ía plantar miles de árbores e o que fai é maltratar as poucas que temos”. Así mesmo, a concelleira Ageitos lembra que “o alcalde retirou os mupis argumentando que estorbaban, mais non ten ningún tipo de pudor en instalar uns enormes mamotretos na rúa peonil máis transitada de Ourense”.

Por outra banda, dende o grupo socialista lamentan que o alcalde “confunda a rúa do Paseo coa rúa Larios de Málaga” colocando unha decoración máis propia das feiras andaluzas ca do Nadal ourensán.

“Nós estamos a favor da iluminación de Nadal, pero cremos que estas macroestruturas están descontexualizadas, non representan a idiosincrasia ourensá e son un mero reflexo dos delirios de grandeza dun alcalde megalómano que actúa de costas á cidade e aos propios comerciantes, como xa fixo co mercado de Nadal”, denuncian, ademais de advertir do “perigo que poden supoñer para os viandantes”.

“Nós entendemos que é unha estrutura excesiva que non potencia senón que esconde o encanto da rúa do Paseo”, valora Ageitos. “Como todo o que fai este alcalde: canto máis grande, mellor, e sen informes que avalen as súas actuacións”, lamenta a edil.

Ao caos das luces de Nadal de Jácome cómpre sumar outras actuacións que dende o grupo socialista consideran “carentes de sentido e fóra de lugar”, coma a instalación duns “desproporcionados maceteiros” na rúa Curros Enríquez, sobre os cales alertan que “ademais de non teren en conta as necesidades de espazo para os peóns nin para as árbores, van acabar convertidos en contedores de lixo”.