A Deputación organiza visitas guiadas ao Parque da Igualdade para concienciar aos escolares na loita contra a violencia de xénero

Ademais, coincidindo co 25N e na contorna do parque, no encoro de Cachamuíña, celebrarase unha andaina para demostrar o funcionamento da nova aplicación “VOUContigo”, deseñada para que a poboación poida comunicar os seus desprazamentos a grupos de confianza

Ourense, 24 de novembro de 2022.- A  Deputación de Ourense, a través da área de Benestar, porá en marcha un programa de concienciación na loita contra a violencia de xénero que estará dirixido a escolares de toda a provincia e terá, como espazo de referencia, o Parque da Igualdade situado na contorna do encoro de Cachamuíña, en Pereiro de Aguiar.

AVANTAR ACTIVIDADES

O programa constará de visita guiadas e interpretativas sobre o significado do parque, promovendo así desde idades temperás e dun xeito didáctico, práctico e comprensible a toma de conciencia sobre a igualdade e o problema da violencia de xénero. “Cremos que estas etapas son un bo momento para sensibilizar a nenas e nenos sobre a importancia destes valores, non só un día, coincidindo coa celebración do 25N, senón durante todo o ano”, explica a deputada de Igualdade, Luz Doporto.

O programa comezará o próximo luns, día 28, coa visita ao parque dos alumnos do CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar. Os escolares de Infantil e Primaria do Rosalía de Castro de Xinzo de Limia achegaranse ata este espazo o día 30, mentres que a quenda para o alumnado do colexio Sagrado Corazón de Celanova será o día 1 de decembro. O calendario do programa irase completando a medida que se concerten novas visitas.

Un percorrido polo “camiño emocional” das vítimas

O Parque da Igualdade, inaugurado hai un ano por estas mesmas datas, consta dun amplo paseo en forma de lazo onde os visitantes atopan, entre especies vexetais especialmente seleccionadas, diversos obstáculos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno. No centro do óvalo que forma o lazo, a loita das mulleres pola igualdade está representada pola escultura “El abrazo”, de Manuel Buciños, a cuxo pe figuran os nomes de todas as vítimas da violencia de xénero desde 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos.

Demostración da aplicación “VOUContigo”

Tamén desde o Parque da Igualdade e con motivo da celebración mañá venres do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Deputación organiza a partir das 17,45 horas unha andaina na contorna do encoro de Cachamuíña durante a que se realizará unha demostración do funcionamento da aplicación “VOUContigo”. Unha iniciativa pioneira no ámbito público deseñada para xerar confianza nos desprazamentos de toda a poboación, pero con especial atención a nenas e adolescentes, de tal xeito que poidan comunicar os seus percorridos a grupos de confianza, ademais dun sistema de alerta ou “Botón do pánico” ante situacións de risco.