O Psdeg-Psoe de Punxín denuncia que a calefacción do centro de saúde permanece apagada a pesar da chegada do frío e esixe que se proceda ao acendido con “urxencia”

As concelleiras socialistas critican a “inacción” do goberno municipal ao que acusan de “ignorar” as peticións da veciñanza nun centro de saúde que presenta “graves” carencias e “numerosos” problemas

Lorena Peleteiro subliña que o centro de saúde o centro de saúde “é o que máis carencias e peores condicións presenta de toda a comarca”, motivo polo que esixe “solucións e respostas para a veciñanza”

AVANTAR ACTIVIDADES

Punxín, 28 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o centro de saúde do municipio permanece coa calefacción apagada, a pesar da chegada da época de frío, por mor do “desleixo” do Partido Popular. As e os socialistas critican a “inacción” do goberno municipal ao que acusan de “ignorar” as peticións da veciñanza para o acendido da calefacción nun cento de saúde que segue acumulando “grandes” carencias.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que a 28 de novembro, a calefacción do centro de saúde atópase “apagada e sen funcionar”, o que provoca que a veciñanza que acude ao mesmo, “teña que facer fronte a baixas temperatura, por mor da chegada do frío e a falta deste servizo”. As concelleiras socialistas consideran que esta decisión “causa un grave prexuízo á veciñanza, que acude a diario o centro de saúde”, motivo polo que esixen que “se proceda a conectar a calefacción coa maior brevidade posible.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, fai fincapé en que “a ausencia da calefacción, súmanse as pésimas condicións de illamento do centro de saúde, o que provoca que se converta nesta época do ano, nun auténtico conxelador”. Ante esta situación, a concelleira socialista insta ao goberno municipal a “solucionar os problemas de temperatura e proceder a acender a calefacción, para que deste xeito a veciñanza non pase frío namentres agarda a pasar consulta e as traballadoras e os traballadores poidan exercer nas mellores condicións posibles”.

Peleteiro Vázquez tamén pon o foco sobre as “graves” carencias do illamento térmico do centro de saúde, o que se suma a “numerosos” problemas que esta instalación vén padecendo ao longo dos últimos anos. A voceira socialista subliña que o centro de saúde “é o que máis carencias e peores condicións presenta de toda a comarca”. Ante esta situación, a concelleira socialista esixe “solucións e respostas as peticións da veciñanza” e critica a “inacción” do goberno municipal do PP e a “deixadez” da Xunta de Galicia.

As concelleiras socialistas lembran que en febreiro de 2021, xa presentaron unha iniciativa a nivel municipal para unha reforma “urxente” do centro de saúde, na que se incluíse unha “mellora” notoria no sistema de illamento térmico. Tal e como afirman “a día de hoxe, case dous anos despois, nada se fixo”.