Asinado o convenio para amosar «O Camiño ilustrado», de Afundación e ABANCA, no Concello de Ribadavia

Afundación, ABANCA e o Concello de Ribadavia, no marco do Xacobeo 21-22, asinaron hoxe na Casa do Concello de Ribadavia, o convenio para a realización da mostra «O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla». A este acto acudiron Noelia Rodríguez Travieso, alcaldesa de Ribadavia; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano.

I A mostra xorde da colaboración de Afundación co Xacobeo, e coa participación de Editorial Planeta

AVANTAR ACTIVIDADES

I Articulada por 60 acuarelas da recoñecida autora de cadernos de viaxe Alicia Aradilla, con máis de 125 000 seguidores en Instagram, a mostra complétase cos textos explicativos do doutor en Historia Feliciano Novoa

I Este proxecto expositivo da Obra Social de ABANCA ten como obxectivos difundir o coñecemento do patrimonio natural e cultural ao tempo que se promove o seu coidado, con arranxo ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

29.11.2022. Afundación, ABANCA e o Concello de Ribadavia, no marco do Xacobeo 21-22, asinaron hoxe na Casa do Concello de Ribadavia, o convenio para a realización da mostra «O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla». A este acto acudiron Noelia Rodríguez Travieso, alcaldesa de Ribadavia; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano.

«O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla» recolle 60 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe que a día de hoxe conta con máis de 125 000 seguidores en Instagram. As ilustracións que conforman a mostra abordan o camiño cunha mirada nova, fresca e luminosa. A mostra permanecerá aberta desde o 14 de decembro ata o 15 de xaneiro no local social da igrexa da Magdalena en Ribadavia no seguinte horario: de 11.00 a 14.00 h de 17.00 a 20.00 h os días 14, 15, 16, 20 e 21 de decembro de 2022 y 10, 11, 12, 13, 14 y 15 de xaneiro de 2023, de 17.00 a 20.00 h os días 22, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2022.

Articulada en tres seccións fundamentais ―«O Camiño», «Os camiñantes» e «Compostela. A cidade e o seu patrón»―, e con textos explicativos do doutor en Historia e experto medievalista Feliciano Novoa, a mostra compleméntase cunha sección dedicada ao movemento sketch urban (debuxo do contorno natural e cotián a través de cidades, camiños e viaxes) do que Alicia Aradilla é un referente internacional.

Esta exposición, orixinada a partir da publicación El camino ilustrado de Editorial Planeta, trasladará o público ás distintas cidades monumentais que atravesa o Camiño de Santiago. Navarra, Burgos ou León, por exemplo, e a súa fauna e flora, conviven nunha mostra que homenaxea tanto o patrimonio cultural como o natural dunha ruta descrita como de conformación da esencia europea. É o Camiño de Santiago a senda de peregrinación con maior antigüidade e tránsito de toda Europa. Son centos de anos cativando todas as persoas que se animan a descubrilo e vivilo, o que explica que sexan moitos os e as artistas atraídos por el, e que o converteron en fonte de inspiración e temática da súa obra.

Como explica Feliciano Novoa, tradicionalmente entendeuse o Camiño como unha fonte de intercambio cultural, e este é un aspecto especialmente interesante no caso de Alicia Aradilla, porque as súas viaxes tamén se alimentan dese rico intercambio cultural que sucede cando se atravesan as fronteiras propias. Na mostra, dedícase unha sección para entender o vínculo entre a viaxe e a creación, que no caso de Aradilla é tan notorio. Hai tamén exposto material orixinal da autora, como un caderno de viaxe, ou pinceis e acuarelas que adoita levar na súa mochila cando viaxa. Tamén documentación audiovisual (fotografía e proxeccións), que mostran como a súa paixón polas acuarelas e a viaxe a levou a outras partes de España e do mundo.

Alicia Aradilla

En 2017 deixou a súa carreira para percorrer case 20 países durante un ano e poder recoller a súa experiencia en acuarelas. Froito deste periplo, realizou máis de 700 ilustracións nos seus cadernos de viaxe, que foi mostrando nas súas RRSS, onde actualmente ten mais de 125 000 seguidores da súa obra. 

Considerada unha auténtica referencia no seu campo, comezou no mundo do urban sketch (debuxo en contorno urbano) en 2016, gañándose axiña o recoñecemento da crítica e público, e convertendo desde entón a acuarela e a tinta no seu medio para captar experiencias e plasmalas en papel. Deste modo, cada debuxo se impregna dunha historia, un concepto que entusiasma tanto a viaxeiros como a artistas.

Alicia Aradilla percorre os recunchos de distintos países cunha caixa de acuarelas na mochila, deténdose durante un bo anaco a retratar paisaxes no seu caderno. Ademais de Instagram, onde tamén sobe Stories nas que resolve dúbidas aos seus seguidores, ou ben making of da súa publicación diaria, a ilustradora condensa todas as experiencias na súa propia canle de YouTube.