A área de migracións informa que as emigrantes xa poden solicitar o recoñecemento so servizo social feminino para o acceso á pensión de xubilación parcial en España

O BOE do 26/11/2022 vén de publicar a Lei 24/2022 para o recoñecemento efectivo do tempo de prestación do servizo social da muller no acceso á pensión de xubilación parcial española

“Para acceder a este novo dereito, as mulleres emigrantes non necesitan presentar o certificado que acredite facer o servizo social obrigatorio”, afirma o secretario provincial de migracións, Luís Gulín

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de decembro de 2022. Á área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense vén de ter coñecemento de que as emigrantes xa poden solicitar o recoñecemento do servizo social feminino para o acceso á pensión de xubilación parcial en España. O BOE do 26/11/2022 vén de publicar a Lei 24/2022, do 25 de novembro, para o recoñecemento efectivo do tempo de prestación do servizo social da muller no acceso á pensión de xubilación parcial española.

Cabe lembrar que entre 1937 e 1978, moitas mulleres víronse obrigadas a realizar o servizo social e con esta equiparación, recoñécese o servizo social feminino para que conte na xubilación. “Equiparase, a efectos de cotización, o servizo social feminino co servizo militar obrigatorio dos homes”, explican dende o PSOE ourensán.

“Para acceder a este novo dereito, as mulleres emigrantes non necesitan presentar o certificado que acredite facer o servizo social obrigatorio”, afirma o secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, xa que segundo apunta “existe un rexistro na Seguridade Social, accesible vía web, no que se poderá consultar se figuran na base de datos”. Iso si, o responsable socialista alerta de que en caso contrario de non estar rexistrada e ter documentos acreditativos “hai que emendar esa situación”.

“Pódese acceder a esta equiparación sempre que se acredite un período de cotización de trinta e tres anos na data do feito causante da xubilación parcial”, sinala Gulín. A estes exclusivos efectos, “só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, ou do servizo social feminino obrigatorio, co límite máximo dun ano”, afirma o secretario provincial de migracións, que apunta tamén que “no suposto de persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento, o período de cotización esixido será de vinte e cinco anos”.

O “Servizo Social da Muller”, era unha prestación obrigatoria para todas as solteiras entre 17 e 35 anos que quixesen acceder a un traballo remunerado, expedir un título académico ou oficial, afiliarse a calquera asociación, obter o carné de conducir ou permiso de armas. Foi creado polo Decreto do 7 de outubro de 1937 e mantívose en vigor ata o 1 de setembro de 1978, cando entrou en vigor o Real Decreto 1914/1978, do 19 de maio, que o suprimiu. A efectos prácticos a existencias da “mili das mulleres” supoñía que calquera muller que necesitase acreditar a súa presenza na vida pública, traspasando as fronteiras do fogar, habería de cursar durante tres meses unha serie de materias teóricas, postas con posterioridade en práctica en centros asistenciais, talleres ou escolas de fogar. Moitas mulleres que querían emigrar e obter o pasaporte estaban obrigadas a acreditar e realizar esa prestación.