BUS URBANO: O movemento veciñal de Ourense á expectativa

Reunión das Asociacións Veciñais coa Alcaldía de Ourense pola reordenación do transporte urbano municipal. Ourense, 30 de novembro de 2022

Un mes despois de que máis de cincuenta asociacións veciñais se reuniran preocupadas pola remodelación das liñas de autobús urbano, o alcalde accedeu a reunirse cunha representación destes colectivos.
Tras anunciar o plan Alpha 3.0 como definitivo, o alcalde presenta ás Asociacións Veciñais a versión post-definitiva *Alpha 4.0* que, en opinión da representación veciñal, *”mellora substancialmente as propostas iniciais”* que significaban un _totum revolutum_ da situación actual e recolle parte das demandas e preocupacións expresadas pola cidadanía.*«Esta proposta pretende mellorar o servizo na trama urbana sen empeorar o rural»* é a conclusión que transmite o alcalde, nunha reunión que se desenvolveu nun tono o cordial e esperanzador, *”aínda que tarde, e deixando moitas cuestións baixo o imperio da fe, da que certamente andamos algo escasos”*, en palabras dos representantes veciñais, como o cumprimento das frecuencias anunciadas, dos traxectos e do mapa de paradas, aínda en fase de elaboración. 
Debemos lembrar que medio centenar de asociacións veciñais inscritas no Rexistro de Asociacións do concello de Ourense, así como as propias federacións nas que se integran LIMIAR e MIÑO e tamén as non federadas mantiveron unha reunión pasado 26 de outubro, na que acordaron solicitar unha reunión coa  Alcaldía, para trasladar o seguinte:
1) As propostas de reordenación do transporte urbano colectivo do concello de Ourense que están aparecendo na web municipal están a causar unha lóxica expectación e preocupación nas persoas usuarias que forman parte das nosas asociacións e, evidentemente, da cidadanía en xeral, xa que modifican substancialmente o situación actual.2) Coincidir na necesidade de reorganizar o servizo coa perspectiva de mellorar as actuais prestacións, tanto no mapa de liñas, frecuencias, paradas e duración dos traxectos, como do propio parque de vehículos, xa que a propia evolución da cidade e periferia denotan a obsolescencia dun modelo de transporte deseñado hai décadas.3) Considerar que todos os axentes implicados nesta reordenación deberían tomar parte neste proceso de reordenación, aportando a súa visión e opinións sobre as propostas que se efectúen, entre eles, os colectivos veciñais como coñecedores das distintas realidades sociais dos respectivos contornos da súa área de influencia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras publicar a denominada proposta *Alpha 3.0* que, tal como se indicaba no comunicado, tiña carácter *”definitivo”* consideramos que a información transmitida non contiña o suficiente nivel de detalle para que os colectivos veciñais puideran valorar e tomar posición respecto da referida proposta.
Por esta razón, solicitamos unha información máis detallada respecto das *novas liñas, frecuencias, paradas, duración dos traxectos, flota de vehículos, tarifas e bonificacións* e, tendo presente o carácter estratéxico desta reorganización para o futuro, tamén o modelo de xestión que se pretende, ben mediante concesión, contrato de servizos, remunicipalización ou calquera outro que o goberno municipal considere, con vistas a un servizo público eficaz, eficiente, sostible e de mobilidade intelixente.
Respecto das novas liñas e frecuencias, informa que serán establecidas no *Plan Alpha 4.0* (que se detalla ao final), mentres que as paradas que o citado plan non concreta, e as rutas en moitos caso co destino xenérico de «Hacia Centro» indica que *se manterán os mesmos trazados e paradas actuais.* Indicou que a cartografía das rutas e situación das paradas está sendo elaborada polos técnicos municipais e que se nos convocará a unha reunión no mes de xaneiro para informar con máis detalle sobre o particular. Para ser posible o cumprimento de horarios e frecuencias, informa o alcalde que está previsto o incremento de persoal e parque móbil respecto da concesión actual.
Respecto do *modelo de contratación* informásenos que a opción que se pretende establecer é a de *”Contrato de Servizos”* (5 anos) xa que, na súa opinión, esixe máis compromiso á empresa adxudicataria fronte ao modelo de *”Concesión administrativa”* (10 anos) en que sería a empresa concesionaria a encargada dos investimentos (compra e renovación dos autobuses e infraestruturas). Manifestamos a nosa preocupación por esta opción elixida respecto, entre outras cousas, pola seguridade laboral do persoal da empresa adxudicataria e incluso polo investimento necesario para a actualización do sistema informático de seguimento (paneis informativos, marquesiñas e puntos de recarga dos vehículos eléctricos). Informa así mesmo  que o Prego de Contratación estará aberto a posibles modificacións no futuro, incluso a posibles extensións fora dos límites municipais.
Finalmente, pedimos que se teña en conta ao movemento veciñal e aos seus representantes a través das AA.VV. como canle de comunicación e poder transmitir o sentir da veciñanza e do coñecemento “a pé de rúa” e lograr consensos. Neste senso, mostrou a súa predisposición, aínda que deixou meridianamente claro que *”o consenso non é obrigatorio”*.
Os representantes instan as distintas asociacións veciñais que permanezan atentos ao detalle das distintas liñas, paradas e frecuencias que afecten a cada barrio, en especial durante o período de “probas” que, segundo anuncia o concello comezará no mes de febreiro, ao obxecto de detectar e tentar corrixir aquelas deficiencias que se observen.
_Manuel Mosquera Rodriguez_, en representación das asociacións veciñais da *Federación de AAVV LIMIAR*_Lorinda Fernández Faría_, en representación das asociacións veciñais da *Agrupación AAVV MIÑO*_Eugenio Iglesias Nóvoa_ en representación das asociacións veciñais *Non federadas OURENSE NORTE*_Xosé Carballido Presas_, en representación das asociacións veciñais  *Non federadas OURENSE SUR*