Marina Ortega acusa á Xunta de “non escoitar ás familias” de Ourense, ás que “discrimina” respecto ao resto das provincias que xa contan cun CAPDF

o grupo socialista reclama un centro de atención para persoas con discapacidade que sexa público e con xestión directa

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á conselleira de Política Social que o futuro Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade Funcional -CAPDF- de Ourense sexa público e con xestión directa. Ortega presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento que a conselleira de Política Social eludiu responder.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista acusou á conselleira de “non escoitar ás familias” e “evitar dar a cara” para explicar se atenderán á súa demanda para que o centro teña xestión directa da Xunta. Lembrou o compromiso da conselleira, que en 2019 asegurara que “en todo o que dependa de min, non será xestionado por unha empresa privada”.

Ortega esixiulle “respecto aos ourensáns” para ofrecer unha resposta diante da “discriminación” para a única provincia que aínda carece de CAPDF, e que levan agardando polo remate do proxecto dende 2016, e que dende entón “houbo pasos, pero con calzador, porque o Goberno galego non foi dilixente con este asunto nin antes nin agora”.

Emprazou á conselleira a atender á súa “obriga moral” para ofrecerlle ás familias unha resposta “clara e directa” e “mirándolle aos ollos”, porque foron elas as que reclamaron dende o principio un centro de xestión directa por parte da Xunta de Galicia. Sinalou que “se responden que será de xestión directa, as familias durmirán un pouco máis tranquilas, e se non a lo menos expliquen os motivos polos que deciden isto á marxe das familias”.