O PSDEG presenta unha moción cun plan de formación de desempregados en competencias clave

A parlamentaria ourensá do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha moción na Cámara Galega que levaba consigo investimento en formación da poboación desempregada e con postos precarios de cara a adquirir competencias clave para o desenvolvemento industrial en Galicia no período de 2023 a 2027.

A moción socialista, que saíu rexeitada polo voto contrario do grupo parlamentario popular e abstención do BNG, tiña como fin último de que o goberno galego tome medidas no eido do desemprego, coa creación dun plan especial de inserción laboral e un total de 36 millóns de euros para formación de desempregados e persoas con empregos precarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Carmen Rodíguez Dacosta puxo o foco neste asunto tras coñecer os datos da última EPA que publicou o INE, onde se reflicte que Galicia ten unha taxa de actividade dun 5,5% menos que o resto do Estado, na comunidade hai un total de 24.700 fogares que non perciben ingresos, así como 134.800 persoas desempregadas, das cales un 39% leva máis dun ano nesta situación.

A pesares deste gran número de persoas sen emprego, Dacosta destacou que “levamos alertando moito tempo” de que faltan traballadores e traballadoras para cubrir o investimento industrial prevido en Galicia no período 2023-2027, polo que considera imprescindible dar a volta ao “desfase entre demanda e oferta de emprego” que se encontra co “nulo interese da Xunta en formar aos desempregados e traballadores en competencias clave”.

Recordou que o goberno galego é responsable desta situación dado que está acreditada unha baixa execución dos fondos para emprego que se repiten ano tras ano, como os 96,6 millóns de euros que quedaron no limbo de 2014 ou os 109,4 millóns de 2016. Destas cifras, máis do 40% eran para formación de desempregados e ocupados, deixando a milleiros de persoas sen acceso simplemente por “desleixo”.

Un “abandono” que se trasladou tamén ao Catálogo de Especialidades Formativas do Ministerio de Traballo, ao cal o goberno galego non fixo ningunha achega nos últimos catro anos, a diferencia, subliñou Dacosta, doutras comunidades como Cataluña, País Vasco ou Navarra.

A parlamentaria socialista incidiu tamén na necesidade de dar oportunidades formativas adaptadas ás necesidades estruturais da economía galega aos rapaces e rapazas que rematan a formación obrigatoria ou o bacharelato, así como ás 88.482 persoas paradas sen o título da ESO e unha formación certificada por parte da Xunta podería axudar moito a encontrar un posto de traballo.

Fixo especial fincapé nas importancia de diminuír diferencias derivadas da discriminación de xénero, destacando o dato de que as mulleres cobran un 9,3% menos por hora que os homes en Galicia e que, debida a esta brecha de xénero, dáse o caso de que “dende o 28 de novembro ata que remate o ano as mulleres galegas traballan gratis”.

Dacosta reprochou á responsable de área do PP trala súa intervención que non contestase “aos fogares con todas as persoas en desemprego e aos fogares sen ingresos, xa que para ela o emprego en Galicia vai de marabilla”.