A Deputación cofinanciará a residencia de maiores de Padrenda

Manuel Baltar garantiu o compromiso do goberno provincial con este proxecto nunha reunión celebrada no Pazo Provincial co alcalde de Padrenda, Manuel Pérez

O apoio a esta dotación súmase á colaboración implementada nos últimos meses en materia de saneamento, traballos medioambientais ou limpeza de vías

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 3 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Padrenda, Manuel Pérez, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións.

“Os concellos teñen na Deputación ao seu mellor aliado, coa capacidade para atender as súas propostas e seguir construíndo provincia”, remarca Manuel Baltar, que garante o compromiso do goberno provincial coa residencia de maiores de Padrenda, proxecto no que o alcalde prantexa a cofinanciación entre o Concello, Deputación e Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.

O apoio a esta dotación, “un servizo público imprescindible para os veciños de Padrenda” segundo destaca o rexedor, súmase ás liñas de cooperación executadas nos últimos tempos entre ambas administracións co respaldo económico da Deputación, entre as que se atopan obras de saneamento, traballos medioambientais, limpeza de vías e reparación de muros. 

Despois da reunión, na que tamén participou o tenente alcalde de Padrenda, Javier Rodríguez, Manuel Baltar incidiu na “probada capacidade de traballo do goberno municipal liderado por Manuel Pérez para deseñar proxectos enfocados no benestar dos veciños”. 

Pola súa banda, o alcalde valorou o “respaldo da Deputación e do seu presidente ás necesidades dos concellos do rural”.