Éxito na primeira edición do Malgosto de Ribadavia

Comida, bebida, música e actividades para a cativada deronse cita o pasado
sábado no Malgosto de Ribadavia
A Asociación Arteficial celebrou este peculiar formato de magosto que se sae do común ao ter lugar a principios de decembro e non nas dúas primeiras semanas do mes de novembro como marca a tradición.
O “Malgosto” era para o colectivo Arteficial “o magosto que sae mal”, pero a realidade é que finalmente saiu bastante ben e pola Igrexa da Madalena pasaron ao redor de 300 persoas que desfrutaron da música, comida e bo ambiente durante todo o evento. O Malgosto comezou ás 18:00h e ata ás 23:00h, a Igrexa da Madalena estivo chea de vida cunha especie de foliada na que non faltou a música tradicional en directo, pinchada de DJ, rifa, bebidas, chourizos a prezos populares e moitas outras sorpresas.
Un evento moi familiar que contou cun obradoiro infantil de creación de xogos con material reciclado no que participou a cativada con idades comprendidas entre os 5 e 8 anos.
A Asociación Arteficial tamén aproveitou esta oportunidade para estreitar lazos coa veciñanza do casco histórico e falar sobre as necesidades e suxerencias para a organización da próxima edición do Festival Arteficial, o evento estrela que esta mesma asociación organiza cada ano o mes de setembro no casco histórico da vila e que xa vai pola súa 16ª edición. Desde a Asociación Arteficial, ven moi importante establecer lazos de comunicación coas persoas que viven no barrio onde teñen a gran sorte de poder organizar e desfrutar do seu festival.

O Festival Arteficial leva mais de 16 anos en Ribadavia. Ao longo deste tempo, diferentes
xeracións pasaron pola asociación, enriquecéndoa a dándolle vida a vila con novas actividades e ideas. O Malgosto foi nova proposta do equipo organizador, un grupo de xóvenes de todas as idades que desfrutan aprendendo do resto e que loitan por seguir brindando grandes momentos de felicidade na súa vila. Sen dúbida, esta primeira edición do evento foi todo un éxito e xa están pensando en volver organizalo o próximo ano consolidando desta forma a festa

AVANTAR ACTIVIDADES