Cando pretendes apalpar os sentires da noite

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón


«Eu não sei o que é que os outros pensarão lendo isto; /

Mas acho que isto deve estar bem porque o penso sem esforço»

AVANTAR ACTIVIDADES

(Fernando Pessoa –Alberto Caeiro– A espantosa realidade das coisas)

 

Onte espertei cedo –moi cedo, á rompida do día– e erguinme sen agardar as reprimendas do insolente despertador, aborrecido de tanto gurrar contra o teimudo insomnio, azacotado por un pesadelo cobizoso que se agarrou á codia do meu cerebro como un carrapato esfameado, ansioso de mergullarse no miolo dos meus atoldados pensamentos. Mais arestora xa non son quen de lembrar se soñei coa perdurábel guerra de Ucraína ou co maldito quentamento global, ou se foi coas dúas desgrazas encoladas entre si. Ou, talvez só fun a vítima dese absurdo descontrol dos sentidos, encerrellado no colo do abismo que, ás veces, dorme canda min. Ora quería apalpar a largueza da noite, ora escoitar os berros da escuridade… ou ulir o fedor do silencio nocturno. Non sei. Só lembro que, posuído por unha persistente e abafante obsesión, non podía prender no sono. Que longa é a escuridade e que efémera é a luz!
Ao vestirme, no canto de almorzar, fun cara a solaina e, malia a testuda friaxe que tanto me furgaba na pel, impaciente por rillarme a cana dos osos e ansiosa de conxelarme a alma, decidín resistir espreitando que o frescor da madrugada acabase amansando a miña perdurábel inquedanza. Por un instante recuperei o sosego: un airiño maino depenaba e contaba devagar as follas da mazaira que vixía a horta moribunda, e convidábaas a bailar uns pasos de valse antes de deitalas na herba, mentres o pillabán do sol asomaba o fuciño para ir derretendo o carouxo e facer esbagoar as tristes canas, xa talmente desplumadas, da rexa árbore a piques de aletargar.
O repugnante e cargoso pesadelo seguía petándome no peito. Non conseguía axotalo do meu pensamento e entón decidín coller o andante, camiñando sen tino, cara ao lugar de ningures. Que máis ten!
Ao pasar fronte ao bar da aldea avistei a Sito na terraza –Sito sempre está aí, fumando e practicando o ocio do papaleisón–. Sen pensalo enfiei o paso cara a dentro en busca de sosego: o confortábel aroma do café que tanto me consola. Mais ao pasar ao pé do veciño mirei de esguello como acariciaba o cigarro –maldita tentación!–  e malia non ser santo da miña devoción, pareime a leriar con el, agardando impaciente que lle prendese lume, ansioso de regresar a aqueles tempos pretéritos que tanto anhelo, aínda que sempre me conformo coa esmola que arrapaño cando alguén fuma a carón. Sito ofreceume unha cadeira na súa mesa e axiña aceptei, sen tusir, agardando que me convidara a un cigarro. Mais non. Pediume un café, sen preguntarme, e abofé que non me pareceu mal. Mentres o remexía, Sito prendeu o pito e as miñas pituitarias fundiron os dous olores nun arrecendo que me encheu de relax. Oín a música monocorde do muíño do café e, co pretexto de ir en busca do xornal, fun á procura do aroma puro, tan especial. Antes de regresar á terraza ollei os titulares: «A paz en Ucraína, cada vez máis lonxe», «Case o 40% das mortes están provocadas polo cambio climático». Maldito pesadelo!    
[Conta o meu tío Lisardo que os soños máis pracenteiros son os que che invaden a mente cando non dormes de todo e simplemente topeneas, mentres os da televisión che contan milongas ou historias que nunca entendes]


Outros Artigos de Antón Jardón :

A dama da Lagoa, Xinzo, Carreira e nós

A insignificancia das cativezas

Don Alberto e a súa circunstancia

O que acontece é insignificante, o importante é o que nos contan

“Don Alberto, o home que perdeu o acento (que nunca tivo)”

“Tempos de pandemia e secura”

“O estado da nación / O estado da ficción”

“A insipidez minguante da esquerda cortesá”

” Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana “

Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.

” Feijoo e a reconciliación coa familia (política) “

” O seu nome fede a pólvora queimada, excelentísimo señor! “

” Feijóo rebenta os freos ao atravesar ao Padornelo “

” Por que te vas, Alberto? “

” Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo! “

” Cando as rogativas non dan acabado coa sequía “

” O desencanto de don Claudio “

” Don Claudio e o progreso “

” Vai moito frío en Penalonga “

” A matanza do tempo “

“Unha ovella na tulla do diñeiro”

” Mirando cara a acolá “

” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “

O pan noso de cada día

” Quen ri último, ri mellor “

” Rebuscando nos sumidoiros “

” Conichos e fantoches “

” Contando tardes, sobre todo, tardes “

Quen anda aí?

A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco)

“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”

” Sente aqui, señor! “

” A codia das ausencias en tempos adversos “

A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “