A Xunta reforza a seguridade viaria na estrada ou-531 no treito coincidente coa vía da prata

 A Xunta está a executar obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-531 ao seu paso polos concellos de Sandiás e de Xinzo de Limia, no treito coincidente co Camiño da Vía da Prata, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

Esta intervención, que comezou a pasada semana e supón un investimento de máis de 5.000 euros, céntrase na poda e limpeza das marxes e cunetas da estrada e no reforzo da sinalización horizontal e vertical ao longo de 4 quilómetros desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0 e 4.

AVANTAR ACTIVIDADES

Coas obras que se están a executar búscase reforzar a seguridade neste tramo da OU-531 que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.

Esta nova intervención enmárcase no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros.

A encomenda deste ano estase a levar a cabo nos distintos Camiños e trazados da Ruta Xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5.

O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo o pasado ano nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.