O PSDEG urxe un plan de choque contra o desemprego da muller rural



Carmen Rodríguez Dacosta considera “insostible” que Galicia sexa a Comunidade Autónoma que máis emprego feminino destrúe no rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 08 de decembro de 2022. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que poña en marcha de forma inmediata un Plan de Choque contra a perda de emprego da muller rural. A responsable socialista lamenta o desleixo do goberno galego mentres Galicia é a Comunidade Autónoma que máis emprego feminino destrúe no rural.

Rodríguez Dacosta reclama “medidas concretas de discriminación positiva”, así como de impulso real en tódalas políticas, así como un cronograma concreto para a súa execución e o orzamento necesario. A parlamentaria socialista chama así á reflexión sobre o papel das mulleres rurais para o desenvolvemento social, promover o seu recoñecemento e a posta en marcha de medidas específica para garantir o desenvolvemento pleno dos seus dereitos.

Alerta do desplome dos nacementos, en mínimos históricos, e a masculinización da poboación sinaladamente nos pequenos concellos do interior, sinaladamente de Ourense e Lugo, nos que o censo está dominado polos homes fronte ás mulleres. Advirte que esta masculinización é considerada unha anomalía demográfica, por canto hoxe nacen máis mulleres e teñen unha maior esperanza de vida.

Os socialistas galegos reclaman un estudo sobre a masculinización dos pobos galegos e a proposta de medidas, orzamento e actuacións para combater este fenómeno. Apunta de que se trata dun factor fundamental para o despoboamento do rural galego, ligado ao desmantelamento dos servizos públicos e privados, que provoca que as mulleres atopen moitas dificultades á hora de poñer en marcha o seu proxecto de vida no rural, e á falla de emprego.

Destrución de emprego feminino

A parlamentaria socialista sinala que o goberno galego “ten a obriga de facilitar que a agricultura e a gandaría sexan oportunidades para as mulleres”, e polo tanto é responsable de que Galicia sexa a Comunidade Autónoma que máis emprego destrúe no rural.

Rodríguez Dacosta alertou de que a diminución de mulleres ocupadas no sector agrario, gandeiro e forestal en Galicia entre os anos 2008 e 2022 triplica a caída no resto do Estado, xa que en España diminuíron un 15,4 por cento as mulleres que traballan no rural, a redución en Galicia é do 44 por cento. A responsable socialista lembrou que o goberno galego “ten a obriga de facilitar que a agricultura e a gandaría sexan oportunidades para as mulleres”.

Por iso, reclamoulle ao goberno autonómico “implicarse de xeito decidido” para conseguir un medio rural máis igualitario, e diminuír a fenda de xénero existente no sector agrogandeiro e fomentar unha maior participación das mulleres na actividade económica. Alerta de que a ferramenta prevista para este obxectivo, a Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida, “segue sen dar os froitos desexados”, xa que só conseguiu 31 incorporacións dende 2012.