A Xunta continuará este luns cos traballos de roza e limpeza nas marxes dun total de dezaseis estradas autonómicas ao seu paso polas catro provincias.
As intervencións permiten dar continuidade ás tarefas iniciadas a pasada semana na estradas AC-110, no municipio coruñés das Somozas; e proseguir coas que se están a levar a cabo nas últimas semanas na autovía AG-59 en Teo; e na vía de altas prestacións VG-1.3, no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada.Ademais, retomaranse os traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, nos municipios lucenses de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; e na estrada LU-751, en Meira e en Ribeira de Piquín.
A próxima semana seguirán tamén estas actuacións de limpeza na provincia de Ourense: na estrada OU-212 ao paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; na OU-504, OU-180 e OU-209 nos seus percorridos polos municipios do Carballiño, Maside e Leiro; na estrada OU-114, en Verín; na OU-903 en Castro Caldelas; na OU-403 e OU-402, ao paso polos municipios de Ribadavia, Castrelo de Miño e Ourense; e na OU-320, nos municipios de Allariz, Taboadela e San Cibrao das Viñas. Tamén se actuará en dúas rotondas da OU-536, na Rúa.
Ademais seguirán as rozas iniciadas nas últimas semanas nas estradas da provincia de Pontevedra: na AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; na AG-51, en Salvaterra de Miño; na PO-331, no Porriño; e na estrada PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.
Control da biomasa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.
Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.
Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.