Frustrante. Así cualifica o BNG a Xunta de Portavoces celebrada esta mañá xa que unha vez máis Jácome non aportou absolutamente nada

A formación nacionalista afirma que “a nosa non era unha proposta pechada, era simplemente un punto de partida sobre unha serie de aspectos que entendemos moi necesarios deixar ben definidos nas bases para evitar que haxa establecementos que poidan acaparar a práctica totalidade das axudas”

Ourense, 13 de decembro de 2022. Unha vez máis, e xa van unha cantas ao longo do presente mandato, o alcalde Gonzalo P. Jácome volveu citar aos Portavoces dos Grupos municipais para, en teoría, avanzar e debater sobre as Bases para a implementación dos Bonos municipais de reactivación económica e sobre a Ordenanza de terrazas e veladores, mais de novo, na reunión, o alcalde non aportou ningún documento sobre o que traballar.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Resulta Frustrante acudir ás Xuntas de Portavoces xa que o alcalde non aporta absolutamente nada e limítase a dicir cales son os pasos que vai dar pero sen aportar documentos sobre os que traballar”. Para a concelleira Rhut Reza, representante do BNG na reunión desta mañá, “Jácome dixo que xa tiña as Bases dos bonos elaboradas pero non no las facilitou nin nos avanzou nada sobre elas máis alá de dicir que o que quere é burocracia cero”.

Precisamente e debido á falta de concreción do alcalde é polo que desde o Grupo municipal do BNG presentaron onte por escrito unha serie de propostas para incluir nas Bases co obxectivo de garantir que ditas axudas cheguen ao maior número de establecementos e de beneficiarios posibles. Segundo Reza, “o alcalde non é que non as tivera en consideración senón que directamente as descualificou sen dar opción a que o resto de Grupos as puideran debater”.

Rhut Reza quere deixar claro que “a nosa non era unha proposta pechada, era simplemente un punto de partida sobre unha serie de aspectos que entendemos moi necesarios deixar ben definidos nas bases para evitar que haxa establecementos que poidan acaparar a práctica totalidade das axudas”, e engade, “Jácome despreza as nosas propostas pero non deben ser tan malas cando se puxeron en marcha noutros concellos hai dous anos, algo que tamén tería que ter acontecido aquí, e fixérono ademais con moito éxito”.

O BNG de Ourense ten claro que “o único que lle preocupa a Jácome é o rédito electoral, o da eficiencia e eficacia no gasto de cartos públicos non vai con el, a súa obsesión son as eleccións municipais e todo o que fai está orientado a elas”.

Finalmente, desde o Grupo municipal do BNG alertan que a universalidade dos bonos que pretende o alcalde, xera dúbidas sobre a súa legalidade dentro incluso do equipo da alcaldía, “xa que mesmo un recen nado podería ter dereito ao bono”.

Ordenanza de terrazas e veladores.

O BNG segue botando de menos no expediente un informe do Corpo de Bombeiros xa que considérano imprescindible “pois estamos diante dunha Ordenanza que afecta directamente á seguridade en tanto en canto estamos a falar da ocupación da vía pública polo que entendemos preciso que os bombeiros se pronuncien sobre a ocupación de rúas, sobor de todo, na zona histórica xa que temos exemplos dabondos de situacións nas que non puideron acceder os servizos de emerxencia”.

Os nacionalistas afirman que tamén botan en falta o informe da Comisión Técnica de accesibilidade da Xunta De Galiza.