Repróchanlle a Jácome a súa actitude “antidemocrática” logo de que o alcalde rexeitara todas as propostas presentadas polos demais grupos políticos na xunta de voceiros celebrada esta mañá no Concello
“O alcalde asegurou que dende o Centro de Intelixencia Artificial se lanzaría unha app para xestión do bono a custe cero pero agora xa di que se vai encargar a unha entidade bancaria por contrato menor”
Ourense, 13 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de “vender fume” co anuncio do programa de bonos para comercio local e hostalaría previsto para o Nadal, cuxo aprazamento ata o primeiro ou segundo trimestre de 2023 foi anunciado polo alcalde “de xeito unilateral e sen ningún tipo de consenso político”.
Dende o grupo socialista denuncian que “a día de hoxe aínda non hai nada feito”, logo de que, na xunta de voceiros celebrada esta mañá, o goberno local informase de que carecen de informes que avalen a iniciativa e de que non están redactadas as bases nin existe convocatoria de ningún tipo para pór en marcha o programa.
“Non hai absolutamente nada feito, nin sequera existe un expediente para o convenio nin contamos cos informes que deberían constar a estas alturas”, censuran as e os socialistas, que lamentan que o alcalde “estea a facer precampaña electoral con cartos públicos” posto que “a Jácome só lle interesa Ourense cando se achegan as eleccións”.
Así mesmo, dende o grupo socialista repróchanlle ao rexedor a súa actitude “antidemocrática e totalitaria”, logo de que o alcalde rexeitara todas as propostas presentadas polos demais grupos políticos na xunta de voceiros celebrada esta mañá no Concello, e reivindican o seu “compromiso coa responsabilidade institucional” fronte á xestión caótica e improvisada do goberno local.
Desenvolvemento dunha app: de custe cero a contrato menor
Nesta mesma liña, lembran que “o alcalde asegurou no seu día que dende o Centro de Intelixencia Artificial se lanzaría unha app para a xestión do programa de bonos de comercio e hostalaría a custe cero para as arcas municipais, mais esta mañá mudou de versión, confirmando que se lle encargará o proxecto a unha entidade bancaria por contrato menor”.
“O alcalde carece de proxectos e funciona a base de ocorrencias e ideas eureka que lanza a través de redes sociais sen saber sequera se se poden realizar”, condenan as e os socialistas ourensáns, ao tempo que lamentan que “as sinais de identidade das políticas do alcalde sexan as falsas promesas, o escurantismo e a ausencia total de rigor en todas e cada unha das súas actuacións”.