Gabriel Alén louva o tostado como un dos mellores viños de Galicia

Esta mañá, na presentación do monográfico número 9 da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

  • O delegado territorial manifestou que está elaborado de xeito moi coidado e coas materias primas da mellor calidade
  • Gabriel Alén subliñou que “estamos a falar dun produto senlleiro cun alto valor engadido e calidade contrastable cunha elaboración tradicional e artesá que xa era coñecida na Idade Media”
  • A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia traballa na investigación aplicada en novos sistemas de produción de uva e viño, no asesoramento especializado e personalizado a viticultores e adegueiros, na formación a través de actividades dirixidas aos diferentes axentes do sector e na divulgación dos resultados obtidos nas investigacións

Ourense, 15 de decembro de 2022. – “As materias primas da mellor calidade e a súa coidada elaboración  outórganlle aos tostados do Ribeiro calidades que os elevan se cadra ao merecemento dos mellores viños de Galicia”; manifestou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na presentación do monográfico número 9 da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) sobre o viño tostado.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén, que estivo acompañado do director da Evega, Juan Casares,  do vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández e dos enólogos, Manuel Castro e Marcos do Souto, felicitou tanto aos autores como aos promotores desta publicación, pois “estamos a falar dun produto senlleiro cun alto valor engadido e calidade contrastable cunha elaboración tradicional e artesá que xa era coñecida na Idade Media”.

A produción de tostado sempre foi moi pequena en comparación coa dos viños secos, por este motivo as referencias bibliográficas son menores. O que si se sabe con certeza é que o tostado sempre foi considerado un viño prestixioso e de alto valor.

Despois do declive das grandes casas fidalgas de Galicia no século XIX e das pragas que arrasaron os viñedos nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX, o tostado sufriu un período de decadencia durante o cal soamente era elaborado por un pequeno número de colleiteiros para o gozo e consumo propio. De modo excepcional poderíase embotellar e etiquetar (algo inusual para a época) unha pequena cantidade de viño para a súa posta no mercado.

Nos últimos anos son varias as adegas das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras que apostaron pola recuperación e polo rexurdimento do tostado, que, tras unha serie de experiencias previas, reunións e consultas, solicitan aos respectivos consellos reguladores que amplíen o seu regulamento e dean cabida a este senlleiro viño naturalmente doce.

O monográfico atópase dende esta maña en formato dixital na páxina web da Evega para consulta e descargas.

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia foi inaugurada no ano 1985, e a súa configuración inicial baseouse na investigación aplicada en novos sistemas de produción de uva e viño, no asesoramento especializado e personalizado a viticultores e adegueiros, na formación a través de actividades dirixidas aos diferentes axentes do sector e na divulgación dos resultados obtidos nas investigacións.

Exerce funcións en materia de investigación, experimentación e transferencia tecnolóxica do sector vitivinícola. Entre elas atópanse a investigación, innovación, formación e transferencia dende os puntos de vista da produción, conservación e a mellora xenética, e dos relativos á sanidade e á elaboración de viños e dos seus derivados, así como a realización de análises oficiais do sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Evega coordina e dirixe o Banco de Recursos Fitoxenéticos de variedades de vide e recursos microbianos vinícolas, así como a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia