Rueda subliña que a homenaxe a Álvaro Cunqueiro na Insua dos Poetas reforza este espazo como referente da lingua e a cultura galegas

O presidente da Xunta asiste ao acto de celebración do 111 aniversario do nacemento do autor mindoniense  

Inaugurou a peza escultórica realizada por Tatiana R. Fírvida que sitúa ao escritor mindoniense no universo creado pola Fundación Insua dos Poetas para honrar aos clásicos das letras galegas

AVANTAR ACTIVIDADES

O Carballiño (Ourense), 17 de decembro de 2022.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que a homenaxe a Álvaro Cunqueiro na Insua dos Poetas, na parroquia de Esgueva (O Carballiño), reforza este espazo como referente da lingua e a cultura galegas. O titular do Goberno galego asistiu hoxe ao acto de celebración do 111 aniversario do nacemento do autor mindoniense, onde inaugurou a peza escultórica realizada por Tatiana R. Fírvida que sitúa a Cunqueiro no universo dos clásicos creado pola Fundación Insua dos Poetas.

Alfonso Rueda quixo aproveitar ese aniversario para enxalzar a figura dun dos autores máis importantes da literatura galega e española do século XX con obras maxistrais tanto na poesía como na narrativa e que foi tamén un relevante xornalista cultural. De feito, resaltou que malia ser un escritor do século pasado, forma xa parte do elenco de clásicos da literatura galega, de aí o seu dereito a ocupar desde hoxe un espazo na Insua dos Poetas. “Temos que reivindicar moito máis a quen foi un autor universal recoñecido polos mellores”, declarou.

O presidente da Xunta gabou tamén o traballo da fundación presidida por Luís González Tosar, a quen agradeceu este particular Olimpo das letras galegas da man das figuras que contribuíron coa súa obra a engrandecer Galicia e a facer da súa lingua unha ferramenta de comunicación universal.