O Pazo Provincial recibe aos veciños ourensáns na xornada de portas abertas

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, guiou ao primeiro grupo que visitou o edificio, unha representación de veciños de San Cristovo de Cea

Ourense, 17 de decembro de 2022.- O Pazo Provincial recibiu esta mañá á veciñanza ourensán na tradicional xornada de portas abertas que celebra a Deputación de Ourense, “unha  iniciativa enfocada a seguir afondando na relación existente entre a institución provincial e os veciños, así como para coñecer os espazos máis emblemáticos do edificio e o seu funcionamento administrativo”, segundo resaltou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que guiou ao primeiro grupo que visitou o edificio, desta volta unha representación de veciños de San Cristovo de Cea, acompañados polo seu alcalde, José Luis Valladares.

AVANTAR ACTIVIDADES

A xornada de portas abertas deste ano tivo dous novidades respecto á de 2021. Por unha banda, a exposición dos 40 anos do Carrabouxo, mostra situada no primeiro andar do Pazo Provincial e que foi inaugurada polo presidente do goberno provincial este pasado venres como homenaxe “a unha das figuras chave do sentimento ourensán, que fai da retranca un arte e conecta coa filosofía de Ourense”, segundo destaca Manuel Baltar sobre unha mostra que estará aberta ata finais de xaneiro de luns a venres en horario de 09,00 a 14,30 horas e de 17 a 19,30 horas. E ademais de explicar os detalles desta exposición, o presidente do goberno provincial tamén amosou aos veciños a fonte de auga termal situada no patio interior do Pazo, “o primeiro paso do que será o Gran Hotel Balneario Auria, a infraestrutura termal que completará a nosa aposta polo termalismo como gran factor diferenciador e impulsor da provincia”. 

O despacho de Presidencia, a Sala de Xuntas ou o Salón de Plenos foron outros dos espazos que tamén percorreron os visitantes para coñecer a historia, detalles arquitectónicos, artísticos e culturais do Pazo, construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975.