A Axencia de Doazón de Sangue agradece a resposta da sociedade galega ao chamamento para doar

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desexa transmitir a todas as persoas que acudiron a doar sangue, e están a doar nestes días, o seu recoñecemento, xa que grazas ao seu xeneroso xesto estanse recuperando, ata niveis axeitados, as reservas de todos os grupos sanguíneos. Da mesma maneira, quere estender o seu agradecemento aos medios de comunicación galegos que contribúen a difundir información relacionada coa necesidade de doar sangue nos momentos de reservas baixas, e a todas as persoas e institucións que facilitan que podamos atender a todos aqueles que se achegan a doar.

Xenerosidade da poboación galega

Desde ADOS queren poñer en valor que grazas á solidariedade amosada por todos os doantes que responderon ao chamamento, centos de pacientes galegos poden recuperar a súa saúde.

AVANTAR ACTIVIDADES
A importancia de doar no Nadal

Por outra banda, cómpre lembrar que as próximas festas de Nadal requiren dun esforzo na participación da cidadanía, pois a demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais non diminúe. Neste caso, salientar que durante todos os días do ano Galicia necesita entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir que os nosos centros hospitalarios conten en todo momento cos compoñentes sanguíneos precisos para o seu labor asistencial.ADOS agradece a todos os galegos e galegas a súa inestimable xenerosidade e altruísmo como doantes, e lembra que a doazón de sangue necesita dun compromiso e colaboración constante para manter as reservas dos distintos grupos sanguíneos nuns niveis idóneos.