A Deputación colabora na publicación do libro Elas, leváronnos ao espazo para fomentar as vocacións femininas en disciplinas científicas

A deputada de Igualdade, Luz Doporto, destacou na presentación do volume a importancia dunha iniciativa “que permitirá dar visibilidade a referentes profesionais femininos na ciencia” 

Nieves Lorenzo, profesora da Universidade de Vigo, agradeceu o “apoio incondicional da Deputación” a un proxecto educativo que “sitúa a Ourense e Galicia na conquista do espazo”

AVANTAR ACTIVIDADES

O libro ten como punto de partida a exposición As mulleres que nos levaron á lúa, unha mostra que recolle a biografía e logros do equipo de mulleres que participaron na misión do Apolo XI, incorporando ademais importantes nomes femininos galegos do pasado e presente da astrofísica e astronomía.

Ourense, 21 de decembro de 2022.- O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación do libro Elas, leváronnos ao espazo, unha publicación que co apoio da Deputación de Ourense complementa un proxecto educativo da Universidade de Vigo para o fomento das vocacións femininas nas disciplinas científicas. Na presentación do libro participaron a deputada de Igualdade, Luz Doporto, e as promotoras da iniciativa: Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras da Universidade de Vigo, Encina Calvo da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora da obra, Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”.

Luz Doporto destacou que esta publicación ten como punto de partida a exposición “As mulleres que nos levaron á lúa”, unha mostra que recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que participaron na misión do Apolo XI. A exposición e mailo libro, sinalou a deputada provincial de Igualdade, “permitirá dar visibilidade a referentes profesionais femininos na ciencia, porque todo o mundo acórdase dos homes astronautas pero descoñecen as mulleres que estaban detrás destas misións”.

En nome das promotoras desta iniciativa, Nieves Lorenzo agradeceu o “apoio incondicional da Deputación ao noso proxecto”, así como tamén ao resto dos colaboradores: a unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Tecnópole e a Escola de Enxeñería Aeroespacial. O libro, escrito en galego, non só recolle as traxectorias profesionais das mulleres que figuran na exposición, explicou Lorenzo, “senón que tamén proporciona outros referentes femininos que sitúan a Ourense e Galicia na conquista do espazo”.

Así, na publicación tamén aparecen mulleres como Begoña Vila, astrofísica da NASA e supervisora de instrumentos do telescopio espacial James Webb, ademais doutras pioneiras galegas como a ourensá Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 1914 – Santiago, 2009), matemática, profesora e primeira astrónoma galega. Tampouco faltan outras referencias a Galicia a través de astrofísicas como Josefina Ling ou Ana Ulla, ademais de Sara Rodríguez e e Ana Cambón, dúas das alumnas da primeira promoción de Enxeñería Aeroespacial que traballan no grupo galego para o satélite Gaia.

Unha exposición visitada por 12.000 escolares de 40 colexios

A exposición que serve de base a este libro comezou o seu periplo en outubro do pasado ano no Centro Cultural Marcos Valcárcel e foi vista ata agora por 12.000 escolares de máis de corenta cento centros educativos de toda Galicia. A mostra ten comprometida a súa axenda ata xuño de 2023, polo que ante a imposibilidade de atender todas as peticións xurdiu a idea de editar unha guía ilustrada para que os colexios poidan traballar da mesma forma que se faría a través da mostra.