BNG reclama ao Ministerio de Transportes recuperar os trens nocturnos na Galiza

Néstor Rego urxe o Goberno do Estado a reactivar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel suspendidos tras a declaración do estación de alarma, que contan cunha alta demanda social

A frente nacionalista aposta por mellorar os servizos ferroviarios no conxunto da Galiza e, particularmente, en zonas que sofren as consecuencias do despoboamento, como a comarca de Valdeorras ou Lugo Sur, para favorecer o desenvolvemento da súa economía

AVANTAR ACTIVIDADES

Madrid, 21 de decembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para o seu debate e votación co obxectivo de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recupere os servizos ferroviarios nocturnos, suprimidos durante a pandemia, que conectaban a Galiza con outros territorios da península como Madrid ou Catalunya. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, aposta por mellorar os servizos ferroviarios na Galiza e, particularmente, en zonas que, como o caso das comarcas de Quiroga e Lemos, sofren as consecuencias do despoboamento e que precisan de conexións de transporte adecuadas para favorecer o desenvolvemento da súa economía.

A declaración do estado de alarma durante a pandemia da COVID-19 provocou a suspensión dos traxectos nocturnos en tren que unían, a través dos chamados tren-hotel, a Galiza con Barcelona, Madrid, Portugal e Francia. Mais, agora, a pesar de que se normalizaron por completo os desprazamentos, o Goberno do Estado non recuperou os servizos ferroviarios nocturnos. De facto, segundo as declaracións realizadas por varias persoas con responsabilidade dentro do MITMA, semella que non existe interese en reactivar este servizo.

“O Estado español parece ser o único estado europeo que avoga pola desaparición dos servizos ferroviarios nocturnos, curiosamente unha alternativa de transporte sustentábel e viábel para as persoas usuarias, mentres outros países apostan pola impulsar estes servizos” explica o deputado do BNG. Néstor Rego sinala que a axilidade ou duración da viaxe poden ser factores determinantes para moitas persoas, mais noutros moitos casos, a comodidade, o prezo ou a non interferencia cos horarios laborais poden pesar máis.

Neste sentido, a frente nacionalista aposta por recuperar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel que foron suspendidos tras a declaración do estado de alarma durante a pandemia pola COVID19 e que aínda non foron repostos “como o Tren-hotel Atlántico de conexión con Madrid ou o Tren-hotel Galiza de conexión con Catalunya”.

“Trátase dunha demanda que conta cun gran apoio social; de feito, decorreron xa distintas protestas e convocatorias de concentracións reivindicativas por parte de organizacións e colectivos das comarcas máis afectadas para reclamar a recuperación de todas as suprimidas coa escusa da pandemia e, en especial, a restitución dos trens nocturnos” lembra o deputado nacionalista.

Aliás, a frente nacionalista indica que o Goberno do Estado “debe apostar pola mellora e reposición de servizos ferroviarios en zonas que, como o caso das comarcas de Quiroga e Lemos, sofren as consecuencias do despoboamento e que necesitan de conexións de transporte adecuadas para o desenvolvemento da súa economía”.

Para as comarcas de Lemos, Quiroga e Valdeorras, contar con estas conexións ferroviarias resulta de vital importancia, sobre todo, no caso da conexión con Barcelona. “A poboación destas comarcas teñen lazos familiares con Catalunya xa que moitas persoas tiveron que emigrar e os seus descendentes, agora, fan estes desprazamentos de maneira habitual” incide o deputado do BNG. A recuperación destes traxectos contribuiría tamén “ao desenvolvemento da actividade económica e que, ademais de permitir o mantemento de postos de traballo, tamén favorecería a creación de novos”.

Aproveitar as oportunidades futuras

“Manter un adecuado servizo ferroviario é fundamental para as zonas rurais que, como como sucede neste caso, sofren graves problemas de despoboamento” afirma o deputado do BNG. Ademais, debe destacarse que estas dúas áreas aspiran a ser declaradas como Patrimonio da Humanidade (Ribeira Sacra) e que foron xa catalogadas como Ben de Interese Cultural da Paisaxe e Xeoparque da UNESCO. “O turismo sustentábel supón unha grande oportunidade para o desenvolvemento económico do territorio e promover a fixación de poboación mais, para isto, precísanse dunhas adecuadas conexións de transporte” destaca.

De facto, acaban de anunciar que se situará en Monforte de Lemos un Centro de Ciberseguranza de Renfe, mais o Goberno só mantén catro conexións de tren con esta localidade, “cunha má programación e horarios inadecuados, un servizo ferroviario que resulta evidente que non se corresponde cun transporte propio do século XXI”. 

O Goberno español debe tomar en consideración que se rexeitase esta proposta e non recuperase o servizo de tren nocturno, estaría afondando no desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza e no mal trato en materia de servizos de transporte ao noso País.