Marina Ortega chama a “blindar” a atención ás persoas con discapacidade, menores e adultos en risco de exclusión social

o grupo socialista empraza á xunta a cumprir coa execución do concerto social e garantir a viabilidade das entidades sociais sen ánimo de lucro

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha o novo Concerto Social cumprindo co decreto de 2020 que desenvolve o réxime de concertos sociais en Galicia. Ortega presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento neste sentido que será votada mañá mércores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Reclamoulle á Xunta que cumpra coa súa obriga para garantir a viabilidade das entidades sociais sen ánimo de lucro, que están a prestar atención a unha poboación especialmente sensible asumindo unha competencia que lle corresponde ao goberno galego.

Alertou de que a Xunta incumpriu os prazos para poñer en marcha o novo Concerto Social, que tiña como límite o pasado mes de xullo, como figuraba no seu propio decreto. Engadiu que “así como se lle esixe á cidadanía adherirse aos prazos para calquera xestión, o goberno galego non debera de estar por riba dos cidadáns”.

Reclamoulle á Xunta que “se volva sentar coas entidades” para desbloquear a situación e “chegar a acordos que permitan a sustentabilidade económica das organizacións”, e que poidan a continuación participar do deseño dos pregos de condicións que deberan constituír o marco regulatorio do novo modelo de prestación de servizos a persoas con discapacidade en Galicia”.

Dixo que ao incumprir o seu propio decreto, o goberno galego “pon en perigo a propia supervivencia das entidades sociais que ofrecen atención a persoas con discapacidade, tamén menores e adultos en risco de exclusión social, que son competencia do goberno galego, que delega nestas entidades”. Esixiu “respecto” polas familias das persoas con discapacidade e urxiu a “responder con transparencia” ás súas demandas.