O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA QUE AGRICULTURA DEIXA PRETO DA METADE DA SUPERFICIE SEN AXUDAS PARA A CONVERSIÓN Á AGRICULTURA ECOLÓXICA
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou hoxe de que a Consellería do Medio Rural vai deixar sen axudas para a conversión á agricultura ecolóxica ao 43 por cento das hectáreas solicitantes. Seco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro o cese do máximo responsable da planificación das axudas do PDR por “incompetencia e desleixo”.
O responsable socialista criticou que, logo de “promocionar e alentar” aos agricultores a dar o paso de adoptar a agricultura ecolóxica, ligado ao “Pacto Verde” da UE e ás futuras axudas para o ecolóxico, os fondos da Xunta son insuficientes e necesitan 2,4 millóns de euros adicionais para atender ás solicitudes. A consecuencia vai ser, dixo, o “atropelo” dos agricultores que se van atopar coa denegación das solicitudes de conversión ao ecolóxico.
Acusou ao goberno galego de tomar “o camiño contrario” ao resto do Estado, que ten unha media de superficie en ecolóxico do 10,2 por cento, cando en Galicia está por debaixo do 5 por cento, malia que dende a primavera se teñen incorporado 250 novas explotacións, e a superficie aumentou nun 12 por cento. Alertou de que para atender ás máis de 45.000 hectáreas certificadas polo Consello Regulador, o Orzamento previsto pola Xunta debera de triplicarse.
Sinalou que os produtores en ecolóxico se atopan “nunha situación de incerteza total”, xa que agardan á resolución correspondente ao ano 2022, e se atopan na disxuntiva de escoller se piden a baixa na certificación ecolóxica se quedan sen axudas e cunha explotación inviable. Reclamou “solucións”, que son “de xustiza” para os afectados, que “do contrario sería un suicidio para o futuro da nosa actividade agraria”. Martín Seco sinalou o “exemplo de solidariedade e de sentido de país” ofrecido polos propios produtores en ecolóxico, que hoxe se manifestaron ás portas do Parlamento. Estes “están dispostos a pedir un cambio no plan estratéxico da PAC para establecer novos criterios e permitir que non quede ningunha explotación sen axudas malia que teñan que baixar as axudas por hectárea”