Gabriel Alén pon en valor as políticas da Xunta a prol dunha mobilidade máis sostible e saudable

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a tenda de bicicletas Da Cunha Moure, un dos establecementos comerciais que se adheriron ao programa EBici, onde fixo balance das axudas concedidas a través desta iniciativa da Xunta para mercar bicicletas eléctricas de pedaleo asistido.

O delegado territorial destacou que esta iniciativa do Goberno galego, impulsada a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, permitiu financiar en toda a comunidade a adquisición de 2.009 bicicletas eléctricas cun investimento da Xunta de 1 M€, mobilizando un total de 1.953.136,19 €.

AVANTAR ACTIVIDADES

Destacou que, concretamente na provincia de Ourense, se concederon un total 183 axudas que supuxeron unha achega autonómica de 91.372,22 euros e permitiron mobilizar un investimento de 196.504,45 euros.

Gabriel Alén aclarou que, desde o mesmo momento no que se abriu o prazo para presentar as solicitudes, o pasado 1 de agosto, se esgotou deseguida o crédito inicial consignado, 500.000€, o que levou á Xunta a ampliar noutros 500.000 € adicionais, establecendo como prazo ata o 15 de novembro para a presentación de solicitudes para poder beneficiarse destes incentivos.

O representante do Goberno galego sinalou o obxectivo que pretende a Xunta con este programa EBici: promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo, reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído.

Explicou que, aínda que as axudas estiveron á disposición de todos os que mercaron unha bicicleta eléctrica, tal e como se prevía, a mellor resposta chegou do ámbito das contornas urbanas, posto que é aí onde unha boa parte dos desprazamentos cotiáns da poboación supoñen percorridos de entre 2 e 12 km, sendo estas distancias máis asumibles para percorrer en bicicleta.

O delegado territorial detallou que a subvención cubre, con carácter xeral, ata o ao 50% do prezo da bicicleta eléctrica con pedaleo asistido, co límite máximo de 500 €. No caso dunha familia numerosa, a axuda chega ata o 60%, cun  límite de 600 €; e para quen forme parte dunha familia numerosa con categoría especial é do 70%, coa contía máxima de 700€.

As solicitudes foron tramitadas a través dos establecementos comerciais que se adheriron á iniciativa, como entidades colaboradoras na xestión das axudas. Polo tanto, as entidades colaboradoras foron as encargadas de presentar telematicamente as solicitudes. 

A boa acollida da iniciativa e para dar resposta á demanda destes incentivos por parte dos cidadáns, que rapidamente esgotaron o crédito inicial de 500.000 €, levou ao Goberno galego a ampliar en 500.000 € máis, ata un total de 1 M€, as axudas para a compra de bicicletas eléctricas neste exercicio.

Neste sentido Gabriel Alén apuntou a determinación da Xunta de seguir con esta iniciativa en 2023, destinando 1 M€ máis á adquisición de bicicletas eléctricas, coa convocatoria dunha nova orde de axudas que sairá publicada no primeiro semestre do ano.

Como se ten dito, a través destas dúas convocatorias, a Xunta concedeu axudas por importe de 1 M€ que permitiron a adquisición de 2.009 bicicletas eléctricas, mobilizando investimentos por valor de 1,95 M€ no conxunto da comunidade.

Mobilidade máis sostible e saudable

O delegado territorial enmarcou este programa no traballo do Goberno galego por mudar os hábitos de mobilidade, avanzando cara a unha mobilidade máis sostible e saudable, en liña coas políticas que vén desenvolvendo nos últimos anos.

Nese senso, Gabriel Alén lembrou o recente anuncio da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, de impulsar un eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense a través de 5,1 km de itinerarios, cun investimento de 8,4 M€.

Este proxecto contempla un itinerario que irá desde a intermodal ata Expourense -pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz- a través de 3 proxectos concretos.

O representante do Goberno galego non quixo deixar de referirse  tamén á aposta sen precedentes polo transporte público, coa modernización de 3.500 liñas de autobús interurbano e a posta en marcha de medidas pioneiras como a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 132.000 menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta. Lembrou que a Xunta destinará o vindeiro ano 90 M€ ao transporte público, cos que financia o 76% do custo do billete de autobús aos usuarios e o 100% no caso dos menores de 21 anos.