O BNG congratúlase de que a oposición “abortara” a enésima cacicada de Jácome

A formación nacionalista denuncia que unha vez máis, o Goberno Local emprega o troceamento de contratos para dilapidar cartos públicos evitando o concurso público e a concorrencia

Os de Luís Seara denuncian que á reunión do Consello Reitor deste xoves van tres facturas relativas ao mesmo concepto, a emisión dunha revista sobre o deporte no concello que nin tan sequera foi encargada e xestionada polo Consello Municipal de Deportes e cuxo importe sen trocear ascende a  59.375,01 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 22 de decembro de 2022. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia unha vez máis o que leva sendo unha constante ao longo do presente mandato con Gonzalo P. Jácome á fronte da alcaldía e que ten que ver co fraccionamento de contratos para evitar o concurso público, feito que, segundo o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara “contradí claramente o que a nova Lei de contratos públicos persegue”.

No BNG aluden concretamente a tres facturas que figuraban na orde do día da reunión que o Consello Municipal de Deportes celebrou este mesmo xoves día 22 de decembro. O concepto das mesmas é o mesmo, “impresión revista o concello do deporte” pero con proveedores diferentes. As facturas son por importe de 14.999,92 €, 14.991,90 € e 14.383,27 € o que sumadas supón un gasto total de 59.375,01 euros.

O BNG faise eco do que se desprende do informe de fiscalización emitido pola propia Intervención municipal, quen rexeita dúas das facturas emitidas ao considerar que “de conformidade co disposto no artigo 99 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, non se poderá fraccionar o contrato coa finalidade de diminuír a contía deste, e eludir os requisitos relativos ó procedemento de adxudicación”.

Ao tempo, desde a formación nacionalista lembran, tal e como tamén fai a Intervención no seu informe que “A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa tense pronunciado en diversas ocasións sobre o fraccionamento do obxecto contractual, indicando que non se poden contratar de xeito separado, mediante expedientes independentes, as prestacións que por razón da súa natureza, deberían integrarse nun único obxecto, e que consideradas conxuntamente, forman unha unidade funcional”.

Luís Seara advirte que “esta é unha práctica moi habitual por parte do Goberno Jácome. Fixoo cos contratos de nadal ou do Samaín, e engade, “moito nos tememos que este sexa o método a seguir para pagarlle á atleta de Baréin que parcipou na San Martiño do ano pasado”.

Luís Seara remata afirmando que “o despilfarro que Jácome está a facer dos cartos públicos non ten precedentes no concello e é a nosa obriga e responsabilidade denuncialo e na medidas das nosas posibilidades evitalo pois a situación financieira na que deixa ao concello para o vindeiro mandato é certamente preocupante”.