O “Nadal Popular Solidario” das Novas Xeracións do PPdeOU recolle máis de media tonelada de alimentos

Os mozos do Partido Popular destacan a implicación e a colaboración dos grupos municipais e da veciñanza ourensá nesta iniciativa de Nadal

20, decembro, 2022. As Novas Xeracións do Partido Popular da provincia de Ourense reuniron máis de 500 quilos de alimentos na campaña “Nadal Popular Solidario”, desenvolvida desde finais de novembro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nun acto celebrado esta mañá na sede provincial, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de NNXX do PPdeOU, Nacho Campo, entregaron ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, as doazóns recollidas a través das agrupacións locais do partido por toda a provincia.

Manuel Baltar recoñeceu o traballo das Novas Xeracións e de todos os que colaboraron nunha iniciativa solidaria que resalta “o excelente e necesario labor realizado día a día por organizacións sociais como o Banco de Alimentos, completamente fundamentais dentro do tecido asociativo”.

Pola súa banda, Nacho Campo quixo resaltar “a implicación de todos os grupos municipais do PP na provincia, que dende o primeiro momento estiveron dispostos a colaborar e axudar na campaña”. Tendo en conta o resultado obtido, o presidente da organización xuvenil expresou a súa satisfacción por contribuír a axudar “as persoas con menos recursos neste contexto económico tan complicado”.

Dende o Banco de Alimentos agradeceron esta iniciativa e incidiron na importancia de colaborar con estas campañas de recollida de alimentos.