Apoio unánime do pleno ao proxecto de dixitalización do ciclo da auga que presentará a Deputación á convocatoria de fondos europeos

Sesión ordinaria do pleno mensual da Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Cesar Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Álvaro José Fernández López (Deputado PPOU); Consuelo Vispo Seara (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Miguel Antonio Cid Álvarez (Deputado PPOU); Rafael Rodríguez Villarino (Deputado PSOE); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Elvira Lama Fernández (Deputado PSOE); Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE); Susana Rodríguez Estévez (Deputado PSOE); Rosario Rodríguez Delgado (Deputado PSOE); Margarita Pérez Fernández (Deputado PSOE); Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE); Aurentino Alonso Araujo (Deputado PSOE); Montserrat Lama Novoa (Grupo de Non Adscritos); Armando Ojea Bouzo (Deputado DO); Gonzalo Pérez Jácome (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

A iniciativa “Ou-intelixente: provincia da auga” recibiu a adhesión de 79 concellos e suporá un investimento de 13,4 millóns de euros, dos que 10 millóns dependen directamente da obtención de financiamento europeo. A Deputación achegaría 3,5 millóns en tres anualidades

O proxecto implicará a instalación de 63.000 contadores intelixentes de abastecemento domiciliario; 200 contadores intelixentes en alta; a dixitalización de 22 sistemas de abastecemento e de 139 sistemas de depuración, así como a posta en marcha dun Centro Intelixente para a xestión provincial da auga

AVANTAR ACTIVIDADES

Na última sesión do ano o pleno abordou dous expedientes de honra para a concesión, a título póstumo, da distinción como Fillo Predilecto da provincia ao fundador de La Región, José Luis Outeiriño, e o expresidente da Xunta de Galicia, José Quiroga

A relación de acordos inclúe unha proposta na que se solicita, entre outros aspectos, a creación da especialidade de urxencias e emerxencias e maila ampliación das prazas MIR de primaria

Ourense, 23 de decembro de 2022.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá en sesión ordinaria correspondente ao mes de decembro baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou por unanimidade a participación da institución provincial na convocatoria de axudas para proxectos de dixitalización do ciclo urbano da auga, no marco dos fondos europeos Next Generation.

Tras este acordo, o proxecto “Ou-intelixente: provincia da auga”, liderado pola Deputación a través de AquaOurense (sociedade mixta da que tamén forma parte a empresa Viaqua) presentarase á primeira convocatoria de subvencións en concorrencia competitiva do PERTE específico para a dixitalización do ciclo da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O investimento previsto supera os 13,4 millóns de euros. Desta cantidade, 10 millóns dependen directamente da obtención de financiamento europeo, contía que se corresponde coa máxima subvención establecida nesta convocatoria. Pola súa banda, a Deputación achegaría ata 3,5 millóns de euros en tres anualidades.

Trala presentación desta iniciativa en novembro pasado aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, todos agás a capital, á área de Medio Ambiente da Deputación recibiu 79  adhesións, é dicir, o 95 % das solicitudes posibles tendo en conta que eran 83 os concellos que reunían todas as condicións esixidas.

No caso de obter o financiamento preciso, esta participación implicaría a instalación de 63.000 contadores intelixentes de abastecemento domiciliario; 200 contadores intelixentes en alta; a dixitalización de 22 sistemas de abastecemento e de 139 sistemas de depuración, así como a posta en marcha dun Centro Intelixente para a xestión provincial da auga, AQUAOU, que ademais do seguimento do servizo en tempo real tamén estará vinculado a iniciativas de formación, innovación, emprendemento e sensibilización da cidadanía sobre a importancia deste recurso.

Recoñecemento extraxudicial de créditos

Na última sesión do ano, o pleno tamén aprobou un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe superior aos 279.000 euros. Trátase dun conxunto de 16 facturas que segundo o servizo de Intervención presenta causas de nulidade na súa tramitación, o que imposibilitaba ata agora a súa aplicación ao orzamento vixente.

Tamén no capítulo de xestión aprobouse a delegación de competencias na Deputación para a recadación da taxa pola recollida de residuos sólidos urbanos no Concello de Pereiro de Aguiar; a desafectación dunha parcela de titularidade provincial na estrada OU-0505 no municipio da Peroxa; e o cambio de data e horas das comisións informativas do mes de xaneiro.

Expedientes de honra 

Na orde do día figuraban dous expedientes de honra. No primeiro ratificouse a proposta da Presidencia para iniciar os trámites de nomeamento como Fillo Predilecto da provincia, a título póstumo, a José Luis Outeiriño Rodríguez (1935-2019), designando como instrutor ao vicepresidente segundo, César Fernández. A proposta destaca a figura de José Luis Outeiriño como “un loitador e un imprescindible na historia provincial no último medio século”, ademais de resaltar a súa condición de “defensor da información e dos periódicos locais” como presidente de honra de La Región e fundador de La Región Internacional e Atlántico Diario, ademais de impulsar outras iniciativas audiovisuais como conselleiro de Telemiño, de Rías Baixas de Produción de Vídeo e Televisión SA e TeleCíes.  

No segundo expediente de honra acordouse conceder a distinción de Fillo Predilecto da provincia de Ourense, tamén a título póstumo, a José Quiroga Suárez (Petín 1920-A Rúa 2006), “como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a un dos grandes prohomes da autonomía galega”, que coa súa contribución “acadou para Galicia catro décadas de benestar e progreso”. 

O instrutor desta distinción, o vicepresidente primeiro Rosendo Fernández, repasou “as meritorias circunstancias persoais e profesionais” que levaron a propoñer a José Quiroga para este título, partindo da súa condición de médico, que exerceu na Rúa durante 50 anos, ata a súa traxectoria política que principiou como alcalde da vila valdeorresa entre 1953 e 1956. Foi conselleiro de Sanidade (1977-1979) e presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, período no que redactou e aprobou o Estatuto de Autonomía para Galicia. En 1977 converteuse no senador máis votado de Galicia, mantendo este cargo ata 1986.

Iniciativa sobre atención primaria e urxencias hospitalarias

No apartado de proposicións debateuse unha moción relativa ao fortalecemento da atención primaria e de urxencias hospitalarias. O pleno acordou solicitar “a creación da especialidade de urxencias e emerxencias, antes de que se convoque o próximo exame MIR, para evitar así que persoas que queren exercer en urxencias ocupen unha praza de MIR en primaria”.

A proposta tamén pide ampliar, pola vía de urxencia, “as prazas MIR de primaria para o que é preciso acometer a revisión do sistema de acreditación de unidades docentes, que foi acordada por unanimidade entre o Ministerio e Comunidades Autónomas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de 2018”. Pídese ademais un incremento extraordinario de arredor de mil prazas formativas desta especialidade nas convocatorias MIR dos próximos anos, solicitando ao Goberno de España que asuma o compromiso de creación dun rexistro estatal de profesionais sanitarios para prever futuros déficits de persoal.