Os gandeiros e gandeiras de Porco Celta convértense en actores por un día para o novo spot da raza

  • A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta puxo en marcha a súa terceira campaña en medios o día de Noiteboa.  
  • Os gandeiros e gandeiras de Porco Celta son os protagonistas do novo spot de promoción desta raza autóctona galega.

Lugo, 26 de decembro de 2022. Por terceiro ano consecutivo, o Porco Celta chega como o turrón… por Nadal! A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) acaba de lanzar na Televisión de Galicia a súa nova campaña de difusión desta raza autóctona galega.

Trátase da segunda parte do movemento que presentaron a finais de 2021, #SomosDeRaza, e ao redor do cal estiveron todo este ano facendo accións de promoción en medios de comunicacións e redes sociais, así como tamén de xeito presencial.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Sen perder de vista nunca o Porco Celta, queremos poñer tamén en valor o labor dos nosos gandeiros e gandeiras, os cales traballan día a día pola recuperación da raza”, sinalan os voceiros da asociación. “Precisamente por iso, quixemos que os protagonistas do spot fosen eles, un grupo de produtores que participaron na gravación deste ano en representación de todos aqueles que traballan a prol da recuperación do noso porco”, explican.

Axudar a que se vexa máis recoñecido o papel esencial destes gandeiros, así como transmitir aos consumidores a importancia de preservar a raza Porco Celta, son os dous obxectivos centrais da iniciativa.

A campaña estará presente en medios de xeito periódico nos meses vindeiros e virá combinada con novas propostas de promoción e dinamización en redes e en diversos eventos presenciais dos que irán dando conta paulatinamente.

A CAMPAÑA NAS REDES

Como vén sendo habitual, o Porco Celta tamén estará moi presente nas redes sociais no próximo ano e, como eixe central das súas novas accións, Asoporcel xa presentou nas súas contas oficiais o novo spot.

O PORCO CELTA GAÑA TERREO

O 2022 foi un ano moi proveitoso para a raza, tal e como sinalan os representantes de Asoporcel. Xunto coa presenza en medios para promocionar o Porco Celta –ademais da publicidade orgánica en soportes impresos e audiovisuais, da man dos seus criadores a raza estivo presente en ducias de notas e reportaxes–, a asociación segue vendo como van en aumento tanto as incorporacións de xente nova ao sector, como tamén o volume de carne certificada e o número de locais nos que é posible adquirir produtos derivados.

Así mesmo, recentemente Asoporcel recibiu un novo impulso para seguir traballando: en novembro foron galardoados co Premio Agader ao Desenvolvemento Rural polo seu papel na recuperación e posta en valor da terra agraria, recoñecemento que se suma ao VII Premio Galicia Alimentación e ao II Premio Lugo Cambia, que recibiron o pasado ano, así como ao Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, que lles foi concedido en 2020.