A Deputación colabora con 1,5 millóns de euros en trinta iniciativas municipais e de entidades sociais, deportivas e culturais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de máis de 1,5 millóns de euros para colaborar nunha trintena de iniciativas promovidas por concellos e entidades sociais, deportivas e culturais da provincia. 

No ámbito da cooperación local, a Deputación financiará dezaseis proxectos municipais, concedendo case 217.000 ao Concello de Boborás para a construción dunha piscina pública; 20.000 euros ao Bolo para a adaptación do baixo do antigo cuartel da garda Civil para un local multiusos; tamén a mesma cantidade para a Festa Céltica do Irixo; 48.000 euros para obras en parques infantís de Laza; case a mesma contía para o arranxo da depuradora de Esgos; 10.000 a San Cristovo de Cea para a Festa do Pan; e preto de 30.000 euros para acondicionar a área termal do Bañiño en Punxín. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello da Rúa recibirá dúas achegas, unha primeira de case 100.000 euros para equipamento do Teatro Avenida, a piscina municipal e mailo pavillón, ademais doutros 48.000 euros para a pavimentación da rúa Santa Ana. Para cofinanciar proxectos subvencionados pola Xunta de Galicia, Oímbra e Pontedeva contarán con 30.000 e 60.000 euros respectivamente. Castrelo de Miño disporá de 57.000 euros para a vivenda comunitaria e o Servizo de Axuda no Fogar; Arnoia percibirá 100.000 euros para o pagamento de expropiacións do parque empresarial; Cenlle investirá máis de 24.000 euros nunha estación de bombeo; Pereiro de Aguiar recibirá 25.000 para un ascensor e climatización na Casa do Concello; e Muíños contará con 150.000 euros para a terceira fase do acceso á localidade de Prado. 

Convenios coa Universidade de Vigo 

Polo que respecta á colaboración con entidades, na última sesión do ano a Xunta de Goberno ratificou senllos convenios de cooperación coa Universidade de Vigo. O primeiro deles por un importe de 220.000 euros para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus de Ourense, así como 80.000 euros máis para actividades universitarias de promoción da formación en turismo. 

A Ruta do Viño de Valdeorras contará con 30.000 euros para financiar a súa actividade e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer recibirá 18.200 euros para a adaptación de vehículos. Tamén se concedeu unha axuda de 10.000 euros á Diocese de Ourense para a reparación da cuberta do Santuario de Couso, en Muíños; 20.000 euros para La Región pola organización de concertos de verán; 25.000 ao Pen Club de Galicia para gastos de funcionamento; e 15.000 euros ao Liceo de Ourense para adquisición de uniformes. 

En materia deportiva concedéronse 50.000 euros ao Club Náutico de Castrelo de Miño para mantemento e xestión das instalacións; 12.500 ao Cidade das Burgas de fútbol sala para gastos de funcionamento; 10.000 á Federación Española de Karate para o Campionato de España Infantil; 15.000 á Real Federación galega de Fútbol para a Copa Raíña de fútbol sala feminino; e 18.000 euros para gastos da tempada do Club Deportivo Atlético Arnoia.