A Deputación e o Cineclube Padre Feijoo recuperan a “alma cinematográfica” do Teatro Principal coa proxección de películas de estrea

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o vicepresidente do Cineclube, José Manuel Rodríguez, asinaron no Pazo Provincial un convenio que permitirá ofrecer unha programación estable de películas que non se estreen nas salas comerciais 

Manuel Baltar afirmou que con esta colaboración “ofrecémoslle ao público a oportunidade de gozar en pantalla grande das importantes producións que vai programar o CineClube, un referente na historia do cinema de Ourense, como tamén o Principal é un referente na nosa historia cultural” 

AVANTAR ACTIVIDADES

José Manuel Rodríguez desvelou que a recuperación destas proxeccións “era unha vella aspiración da asociación, que leva máis de 50 anos promovendo a cultura cinematrográfica en Ourense e contribuíu a salvar o teatro” 

As primeiras cinco películas, reunidas nun ciclo titulado Desvelos, proxectaranse entre o 18 e o 15 de febreiro 

Ourense, 30 de decembro de 2022.- O Teatro Principal incluirá entre as súas actividades unha programación estable do Cineclube Padre Feijoo coa proxección, todos os mércores en dous pases, de películas que non teñan previsto a súa estrea nas salas comerciais de Ourense. Así o reflicte o convenio asinado no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o vicepresidente do Cineclube, José Manuel Rodríguez, colaboración que permitirá iniciar en xaneiro as proxeccións con cinco producións reunidas nun ciclo titulado Desvelos

Manuel Baltar afirmou que con este convenio “devolvemos ao Teatro Principal a súa alma cinematográfica, ofrecéndolle ao público a oportunidade para gozar en pantalla grande das importantes producións que vai programar o CineClube Padre Feijoo, sen dúbida un referente na historia do cinema de Ourense, como tamén o Principal é un referente na nosa historia cultural”. Unha colaboración, engadiu Baltar, que tamén referenda a aposta que vén de facer a Deputación “por converter o cine nun área de desenvolvemento estratéxico para esta provincia”. 

José Manuel Rodríguez, agradecido pola receptividade do presidente da Deputación, desvelou que “a recuperación dunha programación estable no Principal era unha vella aspiración do Cineclube, que leva máis de 50 anos promovendo a cultura cinematrográfica en Ourense, e non só con proxeccións senón tamén con encontros, xornadas e congresos”. Un labor no que tamén destaca, lembrou, “a contribución nos anos setenta e principios dos oitenta a salvar unha infraestrutura cultural como este teatro”. 

O convenio sinala que tanto a Deputación como o Cineclube teñen detectado que moitas estreas cinematográficas “non se programan na cidade debido á escaseza de salas, privando aos ourensáns de desfrutar de cine de actualidade”. Ademais, o Teatro Principal conta desde hai datas recentes cun novo sistema de proxección (DCP), unha nova pantalla e mellor son para facer proxeccións nas mellores condicións posibles de calidade. 

Primeiras películas do 18 de xaneiro ao 15 de febreiro 

As primeiras cinco proxeccións xa están confirmadas e forman parte dun ciclo titulado DesvelosComezará o 18 de xaneiro coa película norteamericana Aftersun, seguida da británica Eo o día 25. En febreiro están programadas as tamén británicas Decision to leave (día 1), Close (8) e Holy spider (15). Toda a información sobre as producións, datas e horarios poderán consultarse en cineclubepf.blogspot.com 

Contribución para conservar o Principal 

A vinculación do Teatro Principal co cinema data de principios do século XX, cando en 1915 adáptase a sala para as proxeccións de cine mudo, relata o pedagogo e intelectual ourensán José Paz nun artigo publicado no xornal Faro de Vigo hai seis anos. Aínda habería dúas relevantes reformas máis relacionadas co cine: a instalación de altofalantes trala chegada das películas sonoras e xa a finais da década dos noventa dun moderno proxector para ver as películas programadas no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). 

Coa creación en 1961 do Cine Club Miño comezan as proxeccións regulares no Principal, con sesións os domingos pola mañá dedicadas a clásicos e reestreas. A principios da década dos setenta, continúa o relato de José Paz, o teatro pecha e corre o risco de desaparición. Co obxectivo de salvar este espazo cultural xurde en 1975 o grupo Adepende. 

A este movemento uniríase o Cineclube Padre Feijoo, asociación creada no curso 1970-71 como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio. O club fixo a súa achega para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da conservación do Principal e recadar fondos para esta campaña, organizando unha das súas populares proxeccións no colexio Salesianos.