O delegado provincial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, o pobo de Roucos, no concello de Cenlle, para supervisar o remate das obras de mellora dun camiño, no que a Xunta investiu 28.000 euros ao abeiro da Orde infraestruturas de uso público da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O delegado territorial significou que a Xunta consolida o apoio aos concellos para a construción e mellora de infraestruturas cun investimento de 3,5M€. O Goberno galego leva investidos nos últimos anos nesta orde máis de 44M€ para financiar 1.480 proxectos en toda Galicia.
Dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, a iniciativa permítelles ás administracións locais mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste exercicio realizáronse 108 iniciativas.
Na súa visita, Gabriel Alén referiuse ao reforzo ao eido local por parte da Xunta nos orzamentos de 2023, cunha suba do 15% que sitúa esta partida por riba dos 20M€. Nesta liña, destacou a nova liña de axudas que se porá en marcha para financiar actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, cunha dotación de 2,6M€. A medida cofinanciarase con fondos Feder co obxectivo de acadar concellos climaticamente neutros a través da modernización das infraestruturas municipais e a promoción das enerxías renovables.