A Xunta recibe 7 ofertas para redactar o proxecto das obras do novo centro de saúde de Boborás

Este contrato, cun investimento de 90.857 euros, ten como fin definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións

Desde a sinatura do contrato, establécese un prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e, tras ser informado favorablemente, haberá 2 meses para ultimar o proxecto de execución

AVANTAR ACTIVIDADES

O centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 1,24 M€, contará cunha superficie construída de máis de 660 m2, case un 40 % superior á superficie actual

Este novo centro de saúde é froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello, e conta coa cooperación da Deputación Provincial de Ourense, sendo a Consellería de Infraestruturas a encargada da súa execución

A Xunta vén de recibir 7 ofertas de empresas para proceder á redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás.

Este contrato de redacción, que contará cun investimento de 90.857 euros, ten como fin definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións.

Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira na súa definición e recolla unha resposta tecnolóxica que garanta un consumo enerxético o máis eficiente posible.

Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución.

 O novo centro de saúde

Os terreos para a construción do novo centro de saúde de Boborás teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo concello de Boborás.

A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos.

O propio Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. Prevese, polo tanto, unha superficie de 2.100 m2 aproximadamente na súa fronte para a localización do centro de saúde do municipio ourensá.

De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40 % a superficie actual. Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2.

A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio.

Contarase cun área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional.

O novo centro de saúde disporá dun espazo cuberto para a ambulancia, vestíbulo, recepción con zona de espera e un despacho para atención ao usuario.

O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás en marzo deste ano.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.