A Deputación e a Universidade de Vigo crean a Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinaron esta mañá o convenio anual de colaboración, que inclúe o impulso a esta nova cátedra ademais do apoio a iniciativas e programas culturais 

O presidente da Deputación salientou “a relación entre ambas institucións e o gran traballo que está a facer o Campus nesa aposta por Ourense, polo que no futuro seguiremos con esta dinámica de colaboración”

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar define a nova Cátedra como “unha ferramenta única no sistema universitario galego, que afonda na preocupación polo desenvolvemento do noso medio rural e das súas potencialidades a través do talento que hai na UVigo e que permite proxectar o Campus e a provincia”

Manuel Reigosa agradece “a confianza que a Deputación lle presta ao Campus de Ourense a través de axudas que serven para facer de Ourense unha provincia desenvolvida”

Ourense, 11 de xaneiro de 2023.- O Pazo Provincial acolleu esta mañá o acto de sinatura do convenio anual de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que conta cunha achega total de 300.000 euros. Estes fondos serán destinados á creación da Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico, ademais da promoción de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia de Ourense, e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia.

O convenio foi asinado esta mañá polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, coa presenza da vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo. 

Manuel Baltar quixo resaltar “ese compromiso que ano tras ano que ten esta institución co Campus de Ourense”, o cal se transforma en diferentes accións como este convenio, “que significa a posta en marcha da actividade de difusión cultural, e cuxa contía se incrementa este ano para incluír unha medida innovadora a nivel nacional como a posta en marcha da Cátedra de planificación rural e reto demográfico”.

O presidente do goberno provincial destacou que esta nova formación é “unha cátedra única no sistema universitario, que afonda na preocupación polo desenvolvemento do noso medio rural e das súas potencialidades a través do talento que hai na Universidade de Vigo e que permite proxectar o Campus e a provincia xunto co resto de actividades recollidas no convenio”. 

“En definitiva, este é un acordo que afonda na relación entre ambas institucións e que significa o recoñecemento do gran traballo que está a facer o Campus nesa aposta por Ourense, polo que no futuro seguiremos con esta dinámica de colaboración”, resume Manuel Baltar. 

Manuel Reigosa agradece “a confianza que a Deputación lle presta ao Campus de Ourense”

Pola súa banda, Manuel Reigosa agradeceu “a confianza que a Deputación lle presta ao Campus de Ourense a través de axudas que serven para facer de Ourense unha provincia desenvolvida”. En referencia á Cátedra de planificación rural, o reitor da Universidade de Vigo indicou que “axudará ao desenvolvemento doutros proxectos paralelos de investigación, e que poñerá enriba da mesa todo o talento a través dunha serie de propostas que arroxen luz sobre o futuro do rural ourensán, en eidos como o turismo ou as enerxías renovables”. Tamén defendeu “o compromiso da universidade coa difusión da cultura galega, labor que poderá ser se extensible á provincia de Ourense grazas a estas axudas”.

“Estamos moi esperanzados de que isto poida supoñer un vieiro de colaboración entre ambas institucións nos vindeiros anos nos que aspiramos a seguir sendo unha universidade pegada a Ourense”, explicou Manuel Reigosa. 

Programas de extensión universitaria recollidos no convenio

Entre o amplo catálogo de actividades para a comunidade universitaria que contarán coa colaboración da Deputación destacan un programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2023), un plan de apoio á mobilidade estudantil, bolsas para o alumnado do rural ourensán, o Curso Avanzado de Posgrao de Didáctica da Ficción e Creación Literaria, ademais da xa mencionada creación da Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico. 

Ademais destas actividades principais, tamén forman parte da colaboración o resto de accións de extensión universitaria entre os que se atopan diversos cursos e obradoiros -entre eles, un curso de audiovisual organizado pola Fundación Carlos Casares-, exposicións, roteiros culturais, actividades de teatro e coro, ciclo de documentais, a participación nos programas “Portugués Perto” e “Aldear”, a celebración do Día das Letras Galegas, e outras actividades de carácter cultural.