Iniciado o curso de “Actividades Auxiliares de Agricultura” organizado polo Inorde no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro

A xerente do Inorde, Emma González, visitou hoxe en Xinzo de Limia, ao alumnado que está a participar no curso de formación en “Actividades Auxiliares de Agricultura” organizado polo Inorde no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro tras lograr acreditalo para impartir os certificados de profesionalidade nesta especialidade e na de “Agricultura Ecolóxica”.

“Os obxectivos desta primeira acción formativa son, por unha banda, formar ao maior número posible de persoas para dotar de man de obra especializada a un dos sectores clave na economía provincial como é o sector agrario e, por outra banda, dado que o curso está pensado principalmente para desempregados, ofrecerlles a oportunidade de formarse nunha materia que está a demandar traballadores”, explicou a xerente do Inorde.

AVANTAR ACTIVIDADES

O curso, cunha duración total de 388 horas impartidas en horario de mañá de 9.00 a 14.00 horas, comezou o 9 de xaneiro e finalizará o 3 de maio. O alumnado que remate o curso disporá dun certificado de profesionalidade de Nivel 1. O obxectivo desta acción formativa, financiada pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, é executar operacións auxiliares en cultivos agrícolas seguindo instrucións de superiores ou plan de traballo, e cumprindo as medidas de prevención de riscos laborais, calidade e protección do medio ambiente.

O módulo de prácticas profesionais non laborables do curso durará 40 horas. Ao final do mesmo, impartiranse 18 horas de formación transversal en inserción laboral, sensibilización ambiental e formación en igualdade.

Algúns exemplos de postos de traballo para os que habilitará ao alumnado este curso son: Peón agrícola, Peón agropecuario, Peón en horticultura, Peón en fruticultura, Peón en cultivos herbáceos, Peón en cultivos de flor cortada, Peón de xardinaría, Peón de viveiro, Peón de centros de xardinaría, Peón de campos deportivos…..

A continuación desta acción formativa, impartirase o de “Agricultura Ecolóxica”, que acredita ao alumnado cun certificado de profesionalidade de Nivel 2, polo que é imprescindible contar coa ESO, Competencias Clave N2 ou formación equivalente. No caso de non ter ningunha delas, tamén se poderá acceder ao curso se previamente se realizou este curso de “actividades auxiliares de agricultura”.