Os deputados galegos do PP esixen “certeza” e “compromiso” do Goberno central cos prazos de chegada dos trens de alta velocidade a toda Galicia

Rexistran no Congreso unha pregunta ao Goberno

  • Celso Delgado denuncia o “sistemático incumprimento dos prazos” anunciados polo Executivo: “Primeiro dixeron que chegarían no 2020, despois no 2021, despois no verán do 2022 e agora no outono do 2023”
  • Os populares sosteñen que “os usuarios de ferrocarril, os operadores turísticos e a cidadanía en xeral merece un respecto que non está obtendo por parte do Goberno central”
  • Reiteran a “urxencia e necesidade” das comparecencias solicitadas da ministra de Transportes e do presidente de Renfe para informar sobre o “gran prexuízo” que este incumprimento está ocasionando nos servizos ferroviarios de alta velocidade e longa distancia en Galicia

11, xaneiro, 2023. Os deputados galegos do Partido Popular no Congreso veñen de rexistrar unha pregunta dirixida ao Goberno para que concrete a data exacta do 2023 na que está previsto que os trens Avril, de alta velocidade, comecen a prestar servizos comerciais na liña de alta velocidade Madrid-Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Fano despois de que a secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera, fose incapaz onte de dar unha data certa para a chegada destes trens a Galicia e incluso a adiase ata o outono. O cal supón, en palabras do deputado ourensán Celso Delgado, un “novo incumprimento por parte do Goberno central respecto aos prazos previstos para a chegada da alta velocidade a Galicia”.

O vicevoceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Congreso fai referencia así ao “sistemático incumprimento dos prazos” anunciados polo Executivo a este respecto: “Primeiro dixeron que os trens Avril chegarían no 2020, despois no 2021, despois o verán do 2022 e agora no outono de 2023”.

Sosteñen os populares que “os usuarios de ferrocarril, os operadores turísticos e a cidadanía en xeral merecen un respecto que non está obtendo por parte do Goberno central”, xa que hai máis dun ano que se inaugurou a liña de alta velocidade Madrid-Galicia e “as cidades galegas, agás Ourense, seguen sufrindo o incumprimento dos tempos de viaxe previstos, a diminución das prazas ofertadas e o incremento dos prezos das viaxes”.

COMPARECENCIAS DA MINISTRA E O PRESIDENTE DE RENFE

Esta non é a primeira vez que os deputados galegos do Partido Popular no Congreso reclaman melloras nos servizos ferroviarios galegos porque consideran que é unha cuestión “de xustiza”, reiterando unha vez máis a “urxencia e necesidade” das comparecencias solicitadas polos populares sobre este asunto.

Trátase nomeadamente da comparecencia de ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e do presidente de Renfe, Isaías Táboas, para informar sobre a responsabilidade do Goberno central no incumprimento contractual reiterado por parte de Talgo dos prazos de entrega dos trens Avril e o “gran prexuízo” que este incumprimento está ocasionando nos servizos ferroviarios de alta velocidade e longa distancia en Galicia.