O Psdeg-Psoe logra o apoio unánime do pleno a prol dunha iniciativa para que a cidade de Ourense se adhira á rede de municipios fast track de resposta rápida fronte ao vih

O grupo socialista votou a favor da moción para solicitar a dimisión de Jácome logo da decisión de contratar unha persoa condenada por abuso sexual para representar o rei Baltasar na cabalgata de Reis

Os grupos do PP, BNG, Do e o tránsfuga Laureano Bermejo non respaldaron unha iniciativa socialista para instar á Xunta de Galicia e ao Concello a impulsar “a gran transformación” da rúa Progreso

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 13 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de lograr o apoio unánime do pleno municipal a prol dunha iniciativa para que a cidade de Ourense se adhira á rede global de municipios Fast-Track Cities de resposta rápida, cuxo compromiso consiste en acelerar as respostas locais ao VIH, a tuberculose e as hepatites virais para alcanzar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) para 2030.

A concelleira Concha García destacou que outras cidades coma A Coruña ou Vigo xa forman parte desta rede, e adiantou que outros municipios da nosa provincia coma Verín ou o Barco de Valdeorras teñen previsto adherirse nos vindeiros meses.

No texto da iniciativa, os socialistas tamén reclaman que o Concello de Ourense asine o documento da Declaración de París, co compromiso de mobilizar os recursos necesarios para facer fronte á prevención e tratamento da enfermidade, contando para iso coa colaboración e cooperación coas entidades do terceiro sector que levan décadas traballando ao servizo das necesidades das persoas que padecen a enfermidade.

“Dende o goberno local débese traballar coa sociedade civil para facer fronte ao VIH a través das entidades coma o Comité Antisida, que leva moitos anos facendo un imprescindible labor en Ourense, e Apoio Positivo, unha nova asociación sen ánimo de lucro que escolleu Ourense para establecerse e á que aproveitamos para darlle a nosa benvida a esta cidade”, sinalou García.

No tocante á moción para reclamar melloras na iluminación e no pavimento do Paseo do Miño, a iniciativa foi aprobada coa abstención do grupo de goberno de Democracia Ourensana, malia constar un decreto asinado o pasado día 30 de decembro no que xa se contempla a renovación da luminaria deste “privilexiado espazo de esparexemento”, actualmente en estado de lamentable abandono por parte do goberno de Jácome.

“O día 30 de decembro asinouse un decreto para o arranxo da iluminación do paseo do Miño, dous días despois de que nós rexistraramos a nosa moción para reclamar esta cuestión. Se grazas á nosa iniciativa vostedes decidiron levar a cabo esta mellora, benvida sexa”, remarcou o concelleiro Wilson Jones.

Pola súa banda, a iniciativa socialista para esixir que a Xunta de Galicia e o Concello impulsen a “gran transformación” da rúa Progreso a través dun proxecto “imprescindible e ambicioso” que permita devolverlle a esta vía de titularidade autonómica a dignidade, despois de “décadas deteriorada e estancada no tempo” polo desleixo dos gobernos autonómico e municipal, saíu adiante grazas aos votos a favor de Ciudadanos e as edís non adscritas, a excepción do concelleiro tránsfuga Laureano Bermejo, quen se abstivo xunto con DO, o BNG e o PP.

Na súa defensa desta iniciativa, a voceira do grupo socialista, Natalia González, lamentou que nos últimos anos “a rúa Progreso converteuse nunha autoestrada cun alto fluxo de vehículos e carencias importantes de iluminación, fochancas e inseguridade para os peóns posto que Xunta de Galicia e os últimos gobernos PP-DO nunca se puxeron de acordo para levar a cabo unha reforma integral”.

Así as cousas, a socialista salientou a que a rúa Progreso debe “recuperar a dignidade”, converténdose nun “espazo onde os peóns sexan os protagonistas e dándolle paso a novas formas de mobilidade sostible, como bicis e patinetes”.

Dimisión de Jácome polo ‘caso Baltasar’

O grupo socialista votou a favor da moción de urxencia presentada polo Partido Popular para solicitar a dimisión do alcalde Jácome logo da “escandalosa” decisión de contratar unha persoa dobremente condenada por abuso sexual para representar o rei Baltasar na cabalgata de Reis.

“Estamos a falar dun feito gravísimo. Esta vez atravesou todas as liñas vermellas, xa tiña que ter dimitido hai moito tempo. Vostede acabou coa transparencia e dignidade desta casa. A condena aquí e fóra está clara: culpable”, sinalou a voceira socialista en relación ao rexedor.  

Dende o grupo socialista aproveitaron tamén para reseñar a responsabilidade dos populares: “achega o PP esta moción logo de tres anos e medio de complicidade na degradación deste Concello”, lembrou González. “Tería sido de agradecer que tamén pedisen a dimisión deste alcalde no momento no que agrediu a unha sindicalista ás portas do consistorio. Pero non o fixeron”, subliñou.