Os equipos de vacinación de Ourense, premiados polo proxecto de Humanización Pediátrica

O Proxecto de humanización “Os superheroes vacinámonos” da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, acadou o terceiro premio nacional “Hospital Optimista” que neste ano cumpre a súa octava edición e foi entregado nunha gala celebrada hoxe na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia.

O proxecto presentado pola área sanitaria ourensá tiña como principal obxectivo o de recoñecer e por en valor o enorme traballo dos equipos de vacinación durante a pandemia COVID para conseguir humanizar o proceso da campaña de vacinación pediátrica dos nenos e nenas de idades de 5 aos 11 anos e tratar de diminuir a súa ansiedade e nerviosismo e tamén o dos seus familiares

AVANTAR ACTIVIDADES

Con este proxecto pretendíase visibilizar e ensinar o traballo da enfermería nun proceso preventivo como a vacinación contra o coronavirus e mostrar o lado máis orixinal e humano deste proceso. Os equipos de vacinación cambiaron durante a campaña pediátrica os seus uniformes sanitarios por outra vestimenta máis divertida como foron os disfraces dos superheroes máis queridos polos nenos e nenas (Spíderman, Batman, Lady Bug, Capitán América, Superman, Wonder Woman…). Tamén foi un reto importante adaptar a mensaxe á idade dos nenos, así como a comunicación verbal e non verbal por parte do persoal de enfermaría, TCAES, celadores, admisión e de todo o persoal voluntario.

O proxecto de superheroes mostrou unha gran satisfacción entre os pais, nais e nenos e nenas que reflectiron que a intervención foi de enorme utilidade e que o “carné de vacinación” fíxolles ilusión e a organización da campaña de vacinación e a amabilidade, empatía, paciencia, humanidade e profesionalidade de todo o equipo acadaron unha valoración moi alta.

Os premios organizados pola Fundación Hospital Optimista ten como obxectivo recoñecer e fomentar as iniciativas e as prácticas que contribúan á creación dunha contorna optimista para o paciente e a súa familia e neles avalíanse as prácticas e iniciativas que permiten entrar en espirais virtuosas de benestar e saúde emocional e social e destacan tamén a importancia que teñen as relacións humanas entre paciente, profesionais e familiares no proceso de curación.

Está a demostrarse que os proxectos de humanización axudan a poñer ao paciente e aos seus familiares no centro do proceso de atención sanitaria, a personalizar e mellorar a súa experiencia e polo tanto permiten reducir a dor e acelerar os procesos de recuperación.